Publicidad

O espectáculo familiar ‘A danza da choiva’, premio María Casares, este sábado en Cedeira

FERROL360 | Xoves 18 xaneiro 2018 | 12:37

A programación cultural do Concello de Cedeira para este trimestre arrincará o sábado coa representación da obra A danza da choiva, a cargo da compañía Elefante Elegante. Trátase dunha peza gañadora do premio María Casares 2017 ao Mellor Espectáculo Infantil e a súa temática está de absoluta actualidade por abordar o que pasaría se de súpeto deixara de chover sempre.

Os seus efectos cómicos, plásticos e poéticos advirten, divirten e fascinan ao público familiar e infantil a partir dos tres anos. A representación dará comezo ás 19.00 horas, terá lugar no auditorio municipal e a entrada custará 2,5 euros.

María Torres e Gonçalo Guerrero son os autores dunha obra que tamén están a dirixir e a interpretar. A música é responsabilidade de Mano Ponforreteiro, o diseño da iluminación de Dani Padres, a coreografía de Ánxela Blanco e o vestuario de Marcia Edleditsch.