Publicidad

O grupo naronés Quenindiole pasa á segunda fase do concurso ‘Quero Cantar’ da Deputación

FERROL360 | Martes 11 xullo 2017 | 10:10

Sete bandas de Narón, Brión, A Coruña, Oroso, Ourense, Santiago de Compostela e Teo pasan á segunda fase da segunda edición do concurso musical infantil e xuvenil ‘Quero Cantar’, convocado pola área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña.

Persoas recoñecidas no mundo da música e a dinamización de proxectos musicais no ámbito infantil e xuvenil como Xiana Lastra, Sonia Lebedybski, Manuel Maseda, Andrea Porto e Paula Romero formaron parte do xurado coa responsable das áreas de Cultura e Normalización Lingüística da Deputación, Goretti Sanmartín Rei e a xefa do servizo, Mercedes Fernánez-Albalat.

Despois dunha audición das cancións presentadas polos distintos grupos, o xurado decidiu que pasaran á segunda fase estes sete grupos. No caso dos naroneses Quenindiole presentaron unha canción titulada Vinde bailare.

Na segunda segunda fase o xurado estará composto por público infantil de Escolas de Música e os finalistas actuarán na gala final que terá lugar no Teatro Colón no outono. Gravarán un CD do que se fará unha edición de 1.000 exemplares e se distribuirá na rede. Os premios consistirán en 1.500, 1.000 e 5000 € en material escolar ou produtos culturais en galego.