FERROL360 | Sábado 18 marzo 2017 | 14:37
Os alumnos do IES Moncho Valcarce de As Pontes, gañadores do III Concurso de Guións Contra a Violencia de Xénero, recibiron esta semana o seu premio de mans do presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e a deputada de Igualdade, Ánxela Franco.
O guión galardoado foi O Túnel, elaborado por Alba Antúnez Pena, Cristina Fernández Blanco, Carmela Franco Caaveiro, Jessica Moledo Blanco, Noemí Purriños Lago e Román Varela Cores, titorizados pola profesora Diana Aradas Blanco.
Dúas das alumnas premiadas, que actuaron coma portavoces, explicaron que «O Túnel é unha metáfora da nosa sociedade chea de estereotipos e nace da idea de visibilizar os micromachismos presentes nas nosas mentes» a través dunha historia que «narra unha relación tóxica».
As alumnas autoras do traballo anunciaron tamén a súa intención de doar parte do premio en metálico a unha asociación de loita contra a violencia de xénero.
Na súa intervención, González Formoso destacou a «gran resposta dos colexios da provincia, nun tema de especial sensibilidade como é a violencia de xénero» e declarouse «moi orgulloso coma alcalde pontés, de que un traballo dun centro de As Pontes fose elixido por unanimidade como gañador do concurso».
A deputada de Servizos Sociais e Igualdade, Ánxela Franco, afirmou que «a sensibilización e a educación dos mozos e mozas é fundamental na eliminación da violencia de xénero» e confirmou que os gañadores «pronto verán o seu esforzo feito vídeo», posto que o premio inclúe un curso práctico de realización de curtas no que se producirá un filme baseado no guión gañador. Ademais, o centro educativo recibirá de 4.000 euros en metálico.
A Deputación convoca o Concurso de Guións contra a Violencia de Xénero, que cumpre a súa terceira edición, co obxectivo de xerar conciencia e reflexión na mocidade sobre o machismo e a violencia de xénero, ademais de fomentar a participación desde o ámbito escolar nunha actividade creativa.
O concurso diríxese a mozas e mozos de entre 12 e 18 anos, co obxectivo de que debatan, se mobilicen e fomenten a súa creatividade á vez que producen unha peza artística con impacto social.
Debate sobre el post