ALICIA SEOANE | Jueves 18 de decembro de 2025 | 11:06
O VII Encontro Escolar de Ferrolterra pola eliminación da Violencia de Xénero tivo lugar durante o mes de novembro en distintos centros educativos da comarca, coa finalidade de poñer o foco sobre os micromachismos. O encontro, organizado pola Federación de Asociacións de Nais e Pais de alumnos e alumnas de Ferrol e comarca Concepción Arenal, é pioneiro na sensibilización sobre a violencia de xénero desde os primeiros anos da educación primaria.
A iniciativa foi posible grazas ao apoio da Deputación da Coruña, e consistiu en alzar a voz contra os micromachismos, eses pequenos xestos, actitudes, comentarios e prexuízos que se manifestan no cotián, contribuíndo á desigualdade e situando á muller nunha posición inferior. Estas actitudes convértense nunha violencia de xénero invisible ou, máis ben, invisibilizada.
«O principal problema para acabar cos micromachismos reside na falta de conciencia e na dificultade para recoñecelos; por iso é fundamental coñecelos e identificalos para poder loitar contra eles», explican desde a Fanpa Concepción Arenal.

Para que os nenos e nenas sexan máis conscientes dos mesmos, os milleiros de escolares e os seus mestres e mestras traballaron xuntos este tema dunha maneira amena, co fin de aprender a recoñecelos e así loitar contra eles, ata eliminalos da súa vida e da sociedade.
Patricia Pérez, Presidenta de la Federación, lembra como hai sete anos «apenas se traballaba nas aulas o tema da sensibilización en violencia de xénero». Ademais, recalca: «desde a Federación entendemos que o tema debe ser tratado de forma transversal durante o resto do curso escolar. A violencia de xénero non é para ser tratada só o 25 de novembro, senón para xerar unha reflexión que se prolongue no tempo e deixe un poso desde a infancia». O lema que defenden tamén foi protagonista este ano, «A educación é a mellor vacina para acabar coa violencia de xénero».

Este ano o procedemento ou a mecánica do encontro foi «o teléfono esborrallado». O mestre ou a mestra foi a persoa encargada de dicir, mediante o seu megáfono, un micromachismo que transmitiu ao primeiro neno ou nena ao oído; este fixo o mesmo co seguinte compañeiro ou compañeira co seu propio megáfono, ata rematar no último, que dixo o micromachismo escoitado.
«En moitas ocasións o resultado final difireu notablemente da mensaxe inicial, pero serviu para repetilo e asentalo na mente dos máis pequenos e pequenas, ata recoñecelos e saber que non están ben e que deben ser eliminados».
Un total de 48 centros dos 50 concellos de Ferrolterra, e máis de 14.000 escolares de 6 a 16 anos, participaron nesta iniciativa, traballo imposible de facer sen o apoio da Deputación de A Coruña, que fixo posible que cada centro contase co material necesario para as actividades e coa xa recoñecida mascota do programa, Violeta.
Ademais da sensibilizar e informar, esta iniciativa pretende proporcionar ferramentas para traballar nas escolas durante o ano. Así o afirmou a deputada de igualdade Soledad Agras, explicándolles en que consiste e como poden actuar ante posibles situacións de micromachismos.
O CEIP de Esteiro foi un dos centros educativos que participou este ano na iniciativa. O director Víctor Varela, subliña a importancia de traballar os micromachismos desde idades temperás como ferramenta clave para a prevención da violencia de xénero no futuro. Segundo explica, no centro apostan por dinámicas adaptadas á idade do alumnado, que permitan identificar esas actitudes normalizadas que transmiten mensaxes negativas, aínda que moitas veces pasen desapercibidas.
O director incide en que este tipo de traballo debe realizarse con especial coidado en infantil, mentres que en cursos como quinto e sexto de primaria «xa resulta máis preocupante ver como certos roles de xénero seguen moi marcados».

Por este motivo, o CEIP Esteiro conta cun plan de igualdade transversal, presente ao longo de todo o curso, que inclúe xogos populares sen roles diferenciados, charlas, teatro, actividades na biblioteca escolar e a visibilización das mulleres na ciencia.
Varela destaca tamén a importancia de implicar ás familias, xa que «moitos destes roles apréndense no fogar», e insiste en que non se trata de penalizar, senón de concienciar. «Cando os nenos e nenas chegan por si mesmos á conclusión de que algo non é xusto, ese momento é fundamental, porque estamos formando mentes críticas e conscientes», afirma.
Finalmente, o director amósase preocupado polo retroceso que, ao seu xuízo, se está producindo en determinados aspectos da igualdade, especialmente coa influencia das novas tecnoloxías, e defende que o traballo educativo debe ser «constante e diario», máis alá de datas sinaladas. «A igualdade non se traballa só o 25 de novembro, é algo que forma parte da convivencia diaria do centro», conclúe.


















Debate sobre el post