FERROL360 | Sábado 1 febreiro 2020 | 12:44
O Océano Surf Museo busca unha imaxe que o represente neste 2020 en forma de Mascota do Ano. E faino entre o alumnado do CPI Atios e as escolas unitarias do CRA O Esquío. Trátase dunha convoctaria aberta a todos os menores destes centros sen importar o curso e a idade.
O alcalde de Valdoviño, Alberto González indicou que o Concello plantéalles o reto de participar no concurso de debuxo convocado para tal fin.
As normas obrigan a facer o deseño sobre unha cartolina branca tamaño A4. Nela deben debuxar ao protagonista en forma de animal mariño que reflicta o espírito e os valores deste deporte.
Ademais, tamén o deben relacionar co surf e co océano.
A técnica para facelo é libre. Pódese usar lapis, cera, rotulador, témpera ou óleo. O xurado valorará a orixinalidade, creatividade, imaxinación e adecuación ao tema proposto.
O gañador ou gañadora recibirá un agasallo, que será entregado no propio museo e o seu debuxo terá a honra de representar ao museo durante todo o ano 2020.
É preciso presentar o debuxo no Océano Surf Museo antes do 9 de febreiro de 2020. Outros requisitos son escribir o título na parte de atrás e introducilo nun sobre pechado cos seguintes datos, título do deseño, nome e apelidos, curso e idade e número de teléfono do pai, nai ou titor legal.
Non se admitirán os traballos que teñan o nome do artista na parte dianteira.
Debate sobre el post