Publicidad

O pleno de Narón apoia aos afectados da Cooperativa de Pedroso e á moción sobre o sector naval

FERROL360 | Jueves 30 abril 2015 | 20:29

Narón acolleu este xoves o Pleno Ordinario correspondente ao mes de abril, no que se aprobou por unanimidade unha declaración institucional en apoio ós afectados da Cooperativa de Pedroso, que se atopa inmersa nun procedemento concursal dende xuño de 2014.

Dita cooperativa, ademais doutras seccións e servizos, contaba cunha sección de crédito bancario que dende o inicio do proceso concursal ten bloqueadas as súas contas, que segundo información trasladada polos socios, superan os 1,5 millóns de euros.

En xuño de 2014 os afectados descubriron a situación real na que se atopan os seus aforros, que foron destinados a pagar as perdas que xeraban dende fai 8 anos a sección do supermercado e agrotenda, sen ter eles coñecemento. Nas asembleas anuais informábaselles destas perdas pero sempre lles dixeron que o seu capital estaba asegurado e tampouco lles informaron das auditorías realizadas dende 2008, as cales recomendaban o cese da actividade polas perdas desta entidade.

Na actualidade, o único plan de viabilidade formulado polos xestores da Cooperativa de Pedroso propón unha quita do 50 % e empezar a recuperar os seus aforros a partir do ano 2018. Sempre que o supermercado xere beneficios: «Estamos a falar de case 200 persoas que teñen nesa cooperativa moitos cartos depositados en contas correntes, algúns os aforros de toda unha vida, o que lles supón neste momento verse sen liquidez coa que facer fronte ás súas vidas, ata o punto de ter que buscar axuda para pedir créditos en bancos para poder sobrevivir. Son persoas que están a reclamar o seu, os seus cartos, a súa dignidade, polo que dende o Concello de Narón a Corporación Municipal quere manifestar o seu apoio por medio desta declaración institucional» reza o comunicado, aprobado por unanimidade.

Moción en defensa do sector naval

Seguidamente, foi aprobada por unanimidade unha declaración institucional relativa á situación da ría de Ferrol. Este texto expresa o apoio da Corporación Municipal e fai un chamamento á participación cidadá na mobilización do 10 de maio en defensa do sector naval. Tamén acorda instar a declaración de Navantia como empresa estratéxica na comarca na construción naval civil e militar, e demanda a participación dos traballadores no Plan Industrial que asegure a sustentabilidade da Compañía.

Outros acordos recollidos nesta declaración son: a esixencia da posta en marcha inmediata do proxecto de fragata F-110, o impulso do proxecto do Buque de Acción Marítima, a construción dun dique de reparacións e dotar a Navantia de carga de traballo no sector civil e nas enerxías renovables.

Tamén se reclama a capitalización e posta en marcha dun Plan de investimentos e modernización dos estaleiros que potencie a investigación e a innovación como elemento diferencial e que aporte o imprescindible valor engadido. O rexuvenecemento do cadro de persoal para garantir a continuidade de todos os centros de traballo coa entrada de mocidade nas diversas actividades, sen que iso signifique unha redución da capacidade nin do emprego. E a descentralización da toma de decisións especialmente nas áreas estratéxicas de enxeñería, compras, aprovisionamentos e comercial, e o desenvolvemento da Lei do naval de Galicia aprobada polo Parlamento galego.

Por último, solicítase o compromiso de Navantia na vixilancia do cumprimento das condicións sociolaborais, especialmente na IIAA así como impulsar colaboracións para a formación da mocidade tanto de FP como de Enxeñería.

Modificación de crédito

Tamén se aprobou unha modificación de crédito por importe total de 130.867,77 euros, que se destinarán ao investimento e reposición de elementos de centros educativos (33.946 euros), convenios con entidades deportivas (18.947 euros), axudas sociais (18.750 euros) e ó proxecto de construción do novo Local Social Municipal de O Alto (15.000 euros). O PP abstívose neste punto, e o resto de partidos votaron a favor.

Publicidad

Banner Odeon

Fashion Night Ferrol