FERROL360 | Sábado 30 abril 2016 | 13:04
Ábrete de orellas, portal de lecer que se emite dende Ferrolterra, fíxose co galardón de Mellor Espazo de Comunicación Musical e a cedeiresa Guadi Galego co de mellor Canción de Autor nos III Premios Martín Códax da Música, entregados na noite deste venres. Unha gala que poderemos ver o martes 3 de maio ás 10:45 horas na TVG2 e o mércores 4 ás 00:45 horas na TVG1.
O Pazo da Cultura de Pontevedra congregou a máis de 700 asistentes para gozar dunha celebración cargada de emoción, calidade e orixinalidade. O espectáculo estaba artellado cun obxectivo claro: reivindicar a diversidade, o traballo das músicas e músicos máis invisibles, os que supoñen unha excepción e se sitúan nas marxes do sistema musical.
Os premios foron entregados por representantes de colectivos musicais como a plataforma Queremos Entrar, as seccións de MAV de Coruña, Compostela e Jazz; os Locais de Ensaio de Pontevedra, a Asociación de Gaiteiros e Asomúsica. Os triunfadores da noite levaron a casa un dos Melómanos que o escultor e músico, Víctor Lorenzo, creou especialmente para o certame a golpe de motoserra.
Os premiados nesta edición foron: Pop e indie – Silvia Penide; Rock – Foxy Freire Blues; Funk & Soul – Nastasia Zürcher; Jazz e músicas improvisadas – Orquestra de Jazz de Galicia; Hip-Hop e músicas urbanas – Sokram; Música clásica e contemporánea – Vertixe Sonora Ensemble; Folque – Caxade; Música tradicional galega – Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre.
Músicas do mundo – Crebinsky; Canción de Autor – Guadi Galego; Música infantil – Brinca Vai!; Electrónica – Croma Metal: Mutant; Reggae, Ska & Mestizaxe – A Banda da Balbina; Orquestras, grupos e música de verbena – Orquestra Os Modernos; Coros e Grupos Vocais – De Vacas; Premio Organistrum Salas – A Arca da Noe.
Premio Organistrum Festivais – Feito a Man; Premio Organistrum Espazos de Comunicación Musical – Ábretedeorellas e Premio Honorífico – Antón Corral.