FERROL360 | Venres 26 febreiro 2016 | 17:14
O Programa de Cribado de Cancro Colorrectal, do que a Xerencia Integrada de Ferrol foi piloto para toda Galicia, recibiu o II Premio á Sanidade de Galicia na categoría de Xerencia Integrada. Os galardóns, organizados por Sanitaria 2000, entregáronse este xoves en Santiago de Compostela.
A Xerencia Integrada de Ferrol foi nominada porque neste programa «ten participado o 48% da poboación diana», a porcentaxe máis alta rexistrada nas comunidades autónomas nas que se está a desenvolver este tipo de cribado.
O responsable da Xerencia, Ángel Facio, recolleu o premio en nome dos traballadores e salientou que o desenvolvemento do programa foi posible polo seu esforzo. Asemesmo, indicou que este plan é una exemplo de «compromiso e traballo pola sanidade pública» de múltiples sectores, polo que «é un exemplo de éxito colectivo».
Na categoría de Acción Enfermeira, foi finalista o estudo: Coñecemento enfermeiro sobre as úlceras de extremidade inferior, para determinar se os profesionais que traballan na Xerencia ferrolá e centros sanitarios do entorno identifican as úlceras de extremidade inferior e coñecen as guías de práctica clínica, protocolos e documentos de consenso en torno ás mesmas.
Este traballo xa fora premiado no III Encontro Galego de Enfermaría e Fisioterapia, que se celebrou o pasado novembro en Ourense; e a autora é Alba Elena Martínez Santos, baixo a dirección dos profesionais de Enfermaría da Xerencia Integrada de Ferrol, Jose Pesado e Eva Tizón.