FERROL360 | Viernes 13 de junio de 2025 | 12:10
As comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal beneficiaranse da contratación de 45 persoas a través do programa PEL-Pemes Creación da Deputación da Coruña, que destina este ano preto de 3,5 millóns de euros ao apoio do emprego local en concellos de menos de 20.000 habitantes. A área de Ferrolterra, conxuntamente, recibirá un total de 484.520,15 euros, o que representa o 14,79% do total provincial.
O apoio económico permitirá ás pequenas empresas, microempresas e autónomos cubrir ata o 70% dos custos laborais —incluíndo salarios e cotizacións á Seguridade Social— durante un máximo de 12 meses. A Deputación busca con esta iniciativa fixar poboación, impulsar o tecido empresarial local e fomentar a creación de emprego estable no rural e nas vilas pequenas.
Entre os concellos da comarca, Cerdido lidera a lista con 6 contratacións, seguido de Cabanas, Cedeira, As Pontes, San Sadurniño e A Capela, con 4 cada un. Cariño, Fene, Moeche, Monfero e Neda reciben 2 axudas, mentres que Ortigueira, Pontedeume e Valdoviño contan con 3 cada un.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que «apostamos por un modelo de axudas que chegan directamente ás pemes e autónomos, que crean postos de traballo e manteñen vivo o tecido económico e social do rural coruñés». Neste sentido, sinalou tamén que máis do 81% das contratacións realizadas ao abeiro do programa serán indefinidas e o 78%, a xornada completa.
A presenza feminina entre as empresas beneficiarias tamén é relevante: o 38% están lideradas por mulleres ou contan cunha maioría de capital social feminino. Por sectores, destacan o comercio e a hostalaría, seguidos pola construción e o agro.
Desde a súa posta en marcha, o programa PEL leva investidos máis de 120 millóns de euros, contribuíndo á creación de 7.700 empregos en toda a provincia da Coruña e consolidando a súa aposta polo desenvolvemento económico nas zonas con menor densidade de poboación.
Debate sobre el post