FERROL360 | Martes 25 xullo 2017 | 12:52
O Star Center Uni Ferrol comeza a liga ante o Mann Filter Zaragoza a fin de semana do 30 de setembro e o 1 de outubro nunha primeira xornada que, aínda que tería que terse disputado no pavillón de Esteiro, vaise xogar en Madrid por decisión federativa, na procura de patrocinios para o campionato.
O club ferrolán xa amosara a súa desconformidade coa decisión da Federación Española, xunto a outros equipos, porque conleva un gasto non previsto no orzamento e privaría aos seus socios dun dos encontros na súa cancha, posto que serán doce en casa e 14 como visitantes.
Na segunda xornada, que terá lugar o mércores 4 de outubro, o Uni viaxará ata Bembibre para medirse diante do Embutidos Pajariel, mentres que o primeiro partido en Ferrol será o 8 de outubro, recibindo ao Movistar Estudiantes. A liga regular rematará o 31 de marzo en Esteiro fronte ao Quesos El Pastor Zamora.
Unha das grandes novidades, explican dende o club, é que este ano non hai parón en Nadal, polo que o 23 de decembro o Star Center Uni Ferrol viaxará a Zamora, pechando a primeira volta, e o 30 de decembro estará en Zaragoza comezando a segunda.
A Copa da Raíña tamén vaise adiantar aos días 19, 20 e 21 de xaneiro nunha sé por determinar, clasificándose para xogala os seis primeiros conxuntos da táboa ao remate da primeira volta. Os play off polo título ligueiro comezarán o 5 de abril.














Debate sobre el post