Texto & Foto: ALICIA SEOANE | Domingo 26 de xaneiro de 2025 | 11:33
O primeiro disco de Os do Fondo da Barra, «Bânzô», foi presentado onte no Pazo da Cultura, sobre o escenario quince homes. Unha alfombra colga de fronte na parte superior da escena, culleres de madeira, pratos de cociña, pandeiretas, pandeiras, e por suposto uns barrís con tazas de viño, unha escenografía que lembra a orixe do grupo, as reunións no bar.
As cancións son todas do repertorio tradicional e popular, moitas estrofas que recoñecemos, «Lévame, lévame, lévame», «Ei Sara, Sarón, ei Sara do corazón», «Ven bailar carmiña, con zapatos baixos e medias de seda»… Un repertorio mesturado con instrumentos como o bombo e o prato, o tambor, un saxofón tenor e un acordeón, que por momentos intercalados entre as voces nos lembran a ritmos de jazz
Unha posta en escena sinxela, pero solemne, que transmite valores esenciais do mundo tradicional, referencias á cociña nos instrumentos, ao bar e sobre todo cancións de amor e desamor que durante séculos os homes cantaron á muller. Unha mención especial ao tema «Ronda de Coruña» que me puxo a pel de galiña.
En palabras de Quique Peón, «unha proposta só acústica, sen nada electrónico, que achega valor, pois é a nosa música. É terra, é país, é Cultura en maiúsculas».
Con ganas de levantarse da butaca e seguir escoitándoos nalgún bar, o concerto rematou nunha noite de xaneiro das máis feas, facéndonos esquecer o son do vento axitando a fiestra.
Déixámosvos unha ligazón para escoitar o disco, paga a pena:
Debate sobre el post