REBECA COLLADO | Ferrol | Domingo 31 xaneiro 2016 | 18:02
Dúas horas de xuntanza dan para moito. Para escoitar cousas boas, malas e regulares. Para decaer aínda máis o ánimo ou levantalo, segundo o cristal co que se mire. Sen lugar a dúbidas, a xuntanza de avaliación do Foro Cívico Reiniciamos?, convocada pola Concellería de Participación Cidadá de Ferrol este sábado, foi intensa, crítica e viva.
No antigo Hospicio déronse cita representantes de asociacións veciñais e tamén ferroláns a título individual, que quixeron escoitar as conclusión do Foro celebrado no mes de decembro e afondar na súa visión da participación e dos vindeiros pasos a dar neste eido.
Na primeira parte da xuntanza, as técnicas encargadas de desenvolver o Foro explicaron que as mesas de traballo concordaron de xeito case unánime na necesidade de contar con formación, de que se incorpore xente nova, de poñer en marcha o regulamento, de artellar mecanismos para que se escoite á cidadanía e utilizar máis as TICs.
Non houbo o mesmo acordo nas mesas sobre cuestións como os orzamentos participativos, porque algúns consideran que son un eixo fundamental e outros consideran que son secundarios; tampouco hai entendemento sobre o xeito de abordar a participación, se debe ser individual ou a través de asembleas.
Valoración do concelleiro
Tras a exposición dos resultados do Foro, o concelleiro de Participación Cidadá, Álvaro Montes, salientou a necesidade de que «a participación se asuma como algo natural» dentro do Concello. Neste senso, avogou pola formación dos políticos e da cidadanía.
Asimesmo, se comprometeu a poñer en marcha este ano os Consellos Sectoriais e as asembleas de barrio para fixar un modelo de participación, que non dependa de cambios políticos. Tamén avanzou que se levará a participación aos centros educativos da cidade para involucrar aos mozos neste proceso.
Engadiu Montes que desde a Concellería estase a traballar na creación dun portal de participación para que os cidadáns «nos fagan chegar as súas propostas dun xeito máis áxil» e desde calquera punto. Clarexou que non se abandonarán as xuntanzas presenciais porque considera que o mellor é combinar ambas opcións.
Opinións dos participantes
Finalizadas as intervencións das técnicas e do concelleiro, os participantes tomaron na palabra para expresar as súas opinións, nalgúns casos concordantes e noutros totalmente opostas.
Así, mentres que uns amosaban o seu malestar por considerar que estaban a «perder o tempo» con este tipo de xuntanzas e reclamaban a constitución dos órganos para comezar a traballar, outros, persoas que nunca se involucraran neste proceso anteriormente, agradecían a análise e avaliación da situación para poñerse ao día.
Tamén houbo quen lembrou o título do Foro «Reiniciamos», para facer alusión a que se está a poñer de novo en marcha este proceso despois de «catro anos perdidos». Neste senso, outro dos participantes alertou de que «se buscas eficacia podes perder calidade» referíndose á idoneidade de avaliar a situación da que se parte nesta materia.
Críticas
As críticas ao goberno local non se fixeron esperar, e o malestar pola peonalización da rúa Real ou a ordenanza de terrazas serviron de argumento para denunciar que o Concello non conta cos veciños nos temas de cidade. Neste punto un dos participantes dixo que «os concelleiros teñen que ter claro que o que decidamos hai que facelo».
Outra das participantes foi máis aló e reclamou que os edís do goberno «teñen que estar aquí, porque senón, non vai servir de nada», sentenciou. Na sesión estaba presente, ademais do concelleiro de Participación Cidadá, Álvaro Montes, o novo edil de FeC Luis Victoria e a ex concelleira, tamén de FeC, Marité Riveira.
Montes desculpou ao inicio do acto a ausencia do alcalde, Jorge Suárez, que tiña previsto acudir, pero finalmente non puido facelo por un proceso gripal.
Aínda que a xuntanza estivo rodeada por un aire de pesimismo e desmoralización, era palpable que algúns dos participantes estaban ‘queimados’, tamén houbo voces que animaron a continuar con este proceso, a aportar ideas, a lanzar esa ferramenta que axilice a participación desde calquera lugar e a facer máis activo este camiño.
Debate sobre el post