Publicidad

Os grupos da oposición presentarán conxuntamente unha moción en defensa da lingua

FERROL360 | Miércoles 29 de enero de 2025 | 13:20

Na xornada de hoxe, representantes do BNG, PSdG, e FeC, acompañaron a Xil Vázquez representante d plataforma ferrolá de «Queremos galego», na presentación conxunta que farán mañá no pleno de xaneiro no Concello.

Según Xil Vázquez, o contexto e os novos datos que ben de recollerese sobre a situación da lingua galega, poñen en evidencia o estado de emerxencia lingüística con niveis de descoñecemento e emprego inéditos na historia da lingua.

Son o resultado do predominio e da hexemonía do castelán intensificada nos últimos 15 anos co aumento da exclusión do idioma propio de Galiza da oferta en todos os ámbitos, nomeadamente no ensino, mais tamén no lecer infantil e xuvenil, administración, xustiza, televisión e audiovisual ou nas actividades comerciais e económicas.

«Así o  vimos denunciando desede hai anos. A mobilización social polo idioma de Galiza logrou que do Consello de Europa ou a ONU dirixisen advertencias á Xunta de Galiza, e obrigouna a aparentar unha mudanza de actitude que non se corresponde coa intensificación da axenda hostil con medidas lexislativas para favorecer o descoñecemento do galego polo funcionariado, a posibilidade de deixar de usar o galego na CRTVG, a exclusión do galego na lei de intelixencia artificial, ou a negativa a apoiar no parlamento as accións para a reactivación do PXNLG e a oficialidade do galego na  UE», explicou Xil Vázquez.

Para as formacións implicadas, reverter esta situación é posíble co compromiso de todas e todos, comezando polas institucións galegas e os colectivos sociais. Cómpre, en primeiro lugar, asegurar o dereito de uso do galego e o deber de correspondelo con presenza e disposición como indicaba o PXNLG que a pesar do desleixo da Xunta e de non se ter posto en práctica nos último 15 anos, mantén obxectivos plenamente vixentes.

A Lei de uso do galego polas entidades locais, a Lei Paz Andrade, a Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos, a Carta Europea das linguas e o PXNLG como grande acordo nacional pola lingua, débense reactivar como punto de partida dunha nova política a favor do noso idioma e da súa normalización.

Por todo o exposto xurde a seguinte proposta e pedin no pleno a adopción dos seguintes acordos:

Primeiro que o Pleno do Concello de Ferrol reafirmase na defensa da lingua galega, patrimonio colectivo de incalculábel valor, e no seu dereito inalienábel a ser coñecida e usada pola poboación en calquera circunstancia e lugar, sen discriminación de ningún tipo.

Ademáis piden que o Pleno do Concello de Ferrol inste a Xunta á derrogación do decreto 79/2010, e a aprobación dun novo decreto que asegure os máximos niveis de docencia en galego en todas as etapas educativas. Garantía inmediata de oferta de materiais didácticos en todas as etapas do ensino.

Demandan ao Pleno do Concello de Ferrol adherirse á Plataforma Queremos Galego, entidade social ampla conformada por colectivos de diferentes ámbitos e por persoas a título individual, que nace da vontade de articular unha ampla resposta popular a prol da lingua propia do noso pobo, o galego; de defensa e afirmación dos usos públicos e dereitos lingüísticos xa garantidos pola actual lexislación; e de progresiva normalización naqueles espazos onde o idioma de noso non goza aínda da presenza desexada.

Para rematar, tamén piden no Pleno do Concello de Ferrol que apoie activamente a mobilización promovida desde a Plataforma Queremos Galego, o vindeiro día 23 de febreiro en Santiago de Compostela, e contribua ao desprazamento dos veciños e veciñas de Ferrol poñendo un autobús para acudir a mesma.