FERROL360 | Luns 28 octubre 2013 | 17:28
Os profesionais dos Servizos Sociais do Concello de San Sadurniño chaman á mobilización para «manifestar a nosa repulsa» polo «desmantelamento do actual sistema de servizos sociais».
A concentración terá lugar o mércores día 30 de outubro ás 12:00 horas, na Praza do Concello de San Sadurniño.
Dende a organización queren formar unha «marea laranxa», polo que piden ás persoas que vaian asistir que leven unha prenda desa cor ou mesmo globos, xa que a cor laranxa simbolizará a protesta.
A iniciativa xurdíu dos profesionais dos Servizos Sociais de dez concellos da comarca das Mariñas, co obxectivo de «tentar visibilizar pobo a pobo, vila a vila, a perda que esta nova situación competencial suporá para a nosa xente».
Para conseguilo, o 16 de outubro constituíuse a Plataforma Independente de Profesionais de Servizos Sociais ‘O social, no local’, á que se uniron máis profesionais, entre eles os de San Sadurniño.
Reivindican «a actual autonomía e competencia na xestión e creación de servizos sociais áxiles, próximos e a medida da nosa cidadanía» fronte ao Proxecto de Lei de Racionalización e Sostenibilidade da Administración Local, que vén de ser aprobado polo Congreso dos Deputados e vai camiño do Senado.
Neste texto lexislativo, está recollido que só os concellos que teñan máis de 20.000 habitantes están obrigados a levar a cabo o labor de Servizos Sociais, mentres que nos concellos máis pequenos non será unha competencia de obrigado cumprimento, polo que os Servizos Sociais municipais pasarán a depender da administración autonómica, «alonxándose inevitablemente da contorna mais próxima das persoas e dos seus problemas persoais e familiares».
Debate sobre el post