Publicidad

Pablo Rañales: «precisamos de xéneros na literatura galega, ciencia ficción, terror e fantasía»

O autor presentará a súa terceira novela "Os Afogados" o sábado en Ares

ALICIA SEOANE | Venres 17 de maio 2024 | 7:21

Pablo Rañales é un escritor con todas as letras, con só 25 anos, ten tres libros publicados, e unha traxectoria dun home feito a si mesmo. Dende que colleu o gusto pola escritura alá polos 12 anos, as letras foron xurdindo nel como unha necesidade, non só de desafogo, se non tamén de diversión.

O próximo sábado ás 12:00 horas presenta a súa terceira novela Os Afogados, dentro da programación do Concello de Ares para a celebración do Días das Letras Galegas, nunha sesión con vermú conducida por Alma Barrón concelleira de Cultura, no paseo marítimo, na rúa Solín.

Días antes da presentación, tomamos un café con Pablo, no Estuary Bar de Ares, co mar de fondo que levouno a camiñar entre letras e chegar sendo un cativo da súa vila de Mugardos. Así foron os inicios lembra « comecei a vir a Ares con Gema Romero a uns cursos de escrita creativa que se impartían no Círculo de Ares, de aí xurdiu facer unha primeira publicación colectiva. Tiven a sorte de coñecer moi novo o mundo editorial».

Dende esta primeira experiencia as letras prendéronse aos seus pés e nunca deixou de camiñar sen elas, esas cousas que senten as persoas cando de pronto descobren a súa vocación, iso é ter unha boa estrela. Así cóntanos Pablo, «sempre tiven no meu horizonte ese soño de escribir unha novela, preguntábame como sería, pero nunca dunha forma obsesiva, máis ben coma unha atracción. Gústame esa idea arquetípica do escritor».

No 2023 chegou a súa terceira novela: Os Afogados, acompañada dun recoñecemento do premio  Illa Nova de Narrativa 2023, na obra unha especie animal invadirá a Galicia do século XXI. Os afogados son uns seres compostos de cunchas, algas e navallas que emerxerán do máis fondo do Océano Atlántico e encherán todas e cada unha das praias. Transformarán as nosas paisaxes contemporáneas e retarán a sociedade galega con moitas preguntas: que queren?, a que agardan?, por que teñen forma antropomórfica? A humanidade terá que buscar respostas e elixir como enfrontarse a estes seres: se dende o relato bélico, a análise científica ou o agarimo. Con estas palabras presenta a novela a editorial Galaxia. Unha obra de ciencia ficción onde estes seres que saen do atlántico fainos confrontarnos con retos para a nosa supervivencia como humanidade.

Unha novela de ciencia ficción que non só considera un escenario distópico se non que deixa aberto un camiño de esperanza e reconexión coa natureza, «precisamos como cultura galega que somos, obras de ciencia ficción, que nos sitúen no noso propio imaxinario colectivo, ante os nosos propios medos, fantasmas, e dende aí pensarnos como cultura de cara a imaxinar o noso propio futuro. Por iso é importante que existan xéneros en galego, tanto ciencia ficción, como fantasía ou terror».

A novela propón temas como o desenvolvemento científico, dende unha mirada que fainos interrogantes sobre o positivismo cientifista no que estamos inmersos, «a cuestión que se considera é si a ciencia pode finalmente resolver os misterios que teñen que ver co mais escuro da materia que se atopa nas zonas máis profundas do atlántico. Facendo relacións entre a ciencia e a relixión, como crenzas absolutas. Poder entender a ciencia dunha forma que non sexa só lineal, a ciencia tamén ten os seus propios intereses mercantilistas en moitos casos, e todo isto tamén bordea a novela».

Esta novela distópica criminaliza un pouco os seres humanos, facéndonos ver ata que punto merecemos un mundo mellor como especie, cando estamos a converternos nuns seres destrutores. Cun punto de vista crítico pero esperanzador os afogados propón tamén a relación da cultura galega coa natureza, e deixa aberto un camiño de comprensión a través do agarimo, « non todo é crítica na novela, deixa un poso positivo».

Chegamos ao final dos nosos cafés, e seguimos pensando nas distopías e nas utopías, quedo con esta frase «A utopía sérvenos para camiñar cara adiante» posta na boca de Pablo Rañales mentres reflexiona sobre a importancia de imaxinar novos horizontes e posibilidades de cara ao noso futuro. E dende aí seguimos co noso rumbo. Con moito por ler.