FERROL360 | Venres 5 febreiro 2016 | 18:58
A Concellería de Participación Cidadá de Ferrol oferta 40 prazas para que nenos de 3 a 12 anos de idade participen en diferentes obradoiros durante este Entroido. As actividades son de balde e terán lugar no Centro Cívico de Caranza os días 8 e 9 de febreiro, en horario de 11:00 a 13:00 horas.
As actividades divídense en función das idades dos peques, así haberá dous grupos un para nenos de 7 a 12 anos e outro para pequerrechos de 3 a 6. O ratio de monitor por alumno será de un monitor cada 7,5 alumnos no caso dos meniños, e un monitor por cada 6,25 alumnos no caso dos maiores.
Para máis cativos haberá catro actividades. Unha estará relacionada coa natureza, a ciencia e a investigación, que se unen nunha experiencia multisesorial realizada por un técnico do Museo de Historia Natural de Ferrol acompañado por educadores de Espacio Vivo.
Tamén haberá un obradoiro de creación de chapas pesoalizadas con motivos de Entroido e fantasía; un teatrillo xaponés Kamishibai, de contacontos con láminas moi expresivas e xogos colaborativos e creativos.
Para os rapaces de 7 a 12 anos de idade hai preparado un obradoiro de robótica no que construirán animais con pezas de lego para logo poñelos en movemento a través de programación por ordenador. Tamén haberá un obradoiro de pintado con luz, no que os nenos obterán nocións de fotografía de longa exposición á vez que se expresan artisticamente a través do movemento.
Por último, pasarán un rato moi divertido cunha actividade que mistura baile, teatro, disfraces e interpretación. Os obradoiros realízanse en colaboración con Espacio Vivo e a Asociación de Veciños de Caranza, o custe total desta actividade ronda os 400 euros, segundo informan desde o Concello de Ferrol.
Debate sobre el post