FERROL360 | Sábado 4 xullo 2015 | 14:11
Co obxectivo de evitar que os servizos municipais se colapsen por contar con menos traballadores en períodos de vacacións ou por mor das baixas, o Concello de Pontedeume abrirá unha lista de substitucións de persoal municipal para cubrir estas situacións.
O goberno municipal de Pontedeume ten «a firme intención de mudar a política de persoal levada ata o de agora», xa que non se cubrían nin as vacacións, nin as baixas, nin as xubilacións de traballadores, aseguran desde o Concello nun comunicado.
Así, este luns abrirase o prazo para inscribirse nas listas de substitutos para os postos de peón de vías e obras, e de limpador. Os interesados teñen dez días para anotarse. Proximamente está previsto abrir novas listas para outros postos, como o de condutor.
O goberno local busca con esta iniciativa dispor dunha alternativa rápida e transparente á hora de ter que cubrir baixas e vacacións. «Temos que asegurar a xestión efectiva municipal», afirma o alcalde Bernardo Fernández, que engade que o feito de non cubrir ningunha vacante xeraba unha carga de traballo insoportable para os empregados municipais.
Debate sobre el post