FERROL360 | Sábado 7 novembro 2015 | 17:09
Alba Elena Martínez Santos recibiu o premio á mellor comunicación polo estudo «Coñecemento enfermeiro sobre úlceras da extremidade inferior na Xerencia Integrada de Ferrol», durante o III Encontro galego de Enfermaría e Fisioterapia.
Este traballo forma parte dun estudo máis amplo que se está a preparar para a súa publicación e conta coa dirección dos enfermeiros da área ferrolá, Jose Pesado Cartelle e Eva Tizón Bouza. Estes profesionais resaltan a necesaria actualización e formación da profesión enfermeira neste eido, e a dificultade de manterse o día.
O obxectivo do estudo era determinar se os profesionais que traballan na área sanitaria identifican as úlceras de extremidade inferior, e se coñecen as guías de práctica clínica, protocolos, e documentos de consenso sobre as mesmas. No estudo corroborouse que o factor que máis inflúe no coñecemento sobre este tipo de feridas crónicas é coñecer as guías de practica clínica.
«Existe un 52 % de profesionais que xa as coñecen, pero creemos que esas cifras deben aumentar, xa que coñecer esas guías implica tamén unha mellora no coidado dos pacientes», explica Alba Elena Martínez. A enfermeira di que é complicado estar sempre ó día porque as guías son moi amplas e están actualizándose constantemente.
Aplicación móbil
Ante esta situación, os profesioanis avogan pola creación dunha aplicación para o móbil que actualice e estruture toda a información que existe nas diferentes guías clínicas existentes. A aplicación é unha proba beta que se estruturaría de tal xeito que puidera ofertar a información por bloques como a prevención, o diagnóstico, os coidados ou a taxonomía enfermeira.
Aglutinaríase o máximo de información e estaría constantemente actualizada. «Sería moi útil, sobre todo por ese aspecto da portabilidade», subliña Martínez Santos. Dos profesionais enquisados, o 92 % asegura que xa emprega algún tipo de TIC e o 94 % consideraría útil unha aplicación específica sobre úlceras de extremidade inferior.
A profesional premiada considera que a «Enfermaría é unha gran profesión, e que debemos axudar a que siga avanzando» e agradeceu a participación de «todos os profesionais de Enfermaría da área e dos centros sociosanitarios que teñen feito posible o estudo».
Debate sobre el post