FERROL360 | Martes 12 febreiro 2019 | 9:25
A guía municipal Vén a Fene recopila unhas 170 propostas culturais, gastronómicas, deportivas e de lecer organizadas, tanto polo Concello como polo movemento asociativo da localidade, para todo o ano 2019.
O alcalde, Gumersindo Galego, e o concelleiro de Promoción Turística, Juan José Franco, presentaron este luns en rolda de prensa a guía, que medrará en actividades xa que tan só inclúe as propostas ideadas polo Concello ata o mes de abril, incluído, para respetar a próxima cita electoral. A partir de maio, a guía recolle unicamente as iniciativas previstas polo movemento asociativo, múltiples e variadas.
O Concello editou un total de 3.000 exemplares que se repartirán entre as entidades do municipio, entidades supramunicipais e tamén a veciñanza en xeral, que poderá facerse cunha delas tanto no Concello como nas diferentes instalacións municipais. Ademais, colgarase na web municipal.
Respecto ás propostas impulsadas polo Concello, neste mes de febreiro haberá unha sesión vermú este sábado en San Valentín a cargo do grupo local Bitch Boys, que realizará un amplo repaso polos temás máis clásicos da música española dos 70 e 80. Tamén se inaugurará a exposición de pintura de Ana Basoa o vindeiro luns 18 no CPS de San Valentín e o día 23 presentarase a Festa Mariñeira e o II Festival das Ondas Vén a Barallobre!.
En marzo terá lugar a celebración do Entroido e tamén a actuación itinerante do Mago Antón, o día 23, polas diferentes parroquias da cidade. En abril, o día 6 celebrarase a presentación do Encontro de Lavandeiras de Sillobre, que este ano contará con moitas novidades na cita, así como unha exposición sobre a Ruta Indiana o día 7 no local social da ACDR O Pote de Maniños.
O festival no CCRD de Perlío o día 13 coas actuacións de Polymorphics e Arrivederci, a XXV Festa da Orella Gastrofesta en Limodre o día 14, a Xuntanza de Palilleiras e outros labores tradicionais en San Valentín o día 27 e a Ruta das Fontes en Magalofes o día 28. En maio celebrarase o Encontro de Lavandeiras en Sillobre, o día 4.
Propostas todas elas ás que se suman as impulsadas polas entidades e asociacións de Fene. Nesta liña, o alcalde puxo en valor o traballo que realizan a diario e o esforzo para sacar adiante iniciativas que, ano tras ano, son exemplo de organización, tal e como valora o público.
Debate sobre el post