ALICIA SEOANE | Xoves 16 de maio 2024 | 7:44
Ramón D Veiga é un deses homes que gardan vivo ese pequeno neno interior que sabe divertirse, xogar e perder o tempo nese fantástico mundo imaxinario. Será por iso que o seu universo literario sabe chegar tan ben aos máis pequenos, pois dalgunha forma, as súas letras non son alleas.
O mesmo, atópasche con él escoitando unha conversa co sorriso dun lado, que o ves disfrazado cun cestón na cabeza en medio de calquera entroido tradicional. Ramón D Veiga é un deses homes que amosan que aburrirse é cousa de señores. Él sabe protexerse disto e aínda que é un señor, o aburrimento non entra na súa cabeza.
Falamos con él aproveitando o seu premio Frei Martín Sarmiento, pola obra editada por edicións Embora: Violeta Parapluie e outras historias de xente pouco corrente.
ALICIA SEOANE._ Cando comezas a escribir contos para nenos e nenas? Como descobres esta vocación?
RAMON D. VEIGA._Traballo dende hai moitos anos no mundo editorial, editando libros doutros autores e autoras. Cando naceu a miña filla, e animado por un amigo ilustrador, pensei que sería bonito poñerme no outro lado e escribir tamén algo que lle puidese contar a ela, así que animeime e comecei a traballar nunha anécdota que sudedeu na casa. Así xurdiu o meu primeiro libro: Violeta quere ser vampiro. Un conto do Samaín (Xerais, 2017). Naquel momento tomeino como algo puntual e anecdótico, sen máis pretensións… Nunca pensei que, sete anos despois, acabaría vendo publicados case dúas ducias!
A vocación supoño que me virá de sempre. Xa de neno me gustaba escribir e, sobre todo, ler. Niso teño que agradecerlles aos meus pais que nunca me negasen un libro; podían non mercarme lambetadas ou xoguetes, pero se lles pedía libros sempre mos compraban. Pasaron os anos e sigo sendo un lector obsesivo.
A.S._ Cres que escribir en galego é máis complicado á hora chegar ás editoriais ou agora é máis doado atopar axuda para escribir en galego?
R.D.V._ Axudas para escribir? Iso non existe (ou, polo menos, eu non as coñezo ou nunca me tocan). Están os premios literarios, que sempre son un bo incentivo, e poden supoñer un acceso directo a publicar, pero é moi difícil gañar un premio. Eu gañei algún, si, pero cantos dos que me presentei non gañei?
De todos os xeitos, non creo que escribir en galego sexa máis ou menos complicado. É evidente que chegas a un número de lectores e lectoras máis reducido (os índices de lectura están aí, é unha realidade; xa non hai moita xente que lea, e moito menos en galego). Pero é a miña opción, síntome máis cómodo e paréceme fundamental chegar aos nenos e ás nenas na nosa lingua.
A.S._ Como comezas a publicar en Xerais?
R.D.V._ Como xa comentei, levo anos traballando no eido dos libros e da edición. Iso, por unha parte, supoño que me facilitou as cousas por coñecer o terreo pero, pola outra, resultoume dificilísimo atreverme a entregar o meu primeiro orixinal na editorial, precisamente por non saber se me ían publicar o libro por compromiso ou porque realmente pagaba a pena.
Ao resto das editoriais coas que traballo accedín a partir de gañar algún premio (Edicións Embora publicou Violeta Parapluie e outras historias de xente pouco corrente, Premio Arume de Poesía para a Infancia, e Medo me dá!, Premio Anisia Miranda de Teatro para a Infancia) ou mesmo escribindo algún texto por encargo.
A.S._ Como te sentiches ao gañar un premio votado por máis de 3.000 alumnos como é o Frei Martín Sarmiento?
R.D.V._ Non é exactamente así. 3000 alumnos e alumnas len os libros presentados a todas as categorías; eu gañei na de 1º Ciclo de Educación Infantil, así que entendo que foron algúns menos. De calquera xeito, é toda unha honra e unha alegría inmensa saberte valorado polo público para quen realmente escribes. Non puido haber mellor xurado.
A.S._ Tamén che inspiran as historias do mundo tradicional e es un apaixonado do Entroido… Cóntanos dos teus tours de Entroido!
R.D.V._ A min vaime todo o que sexa festa, e se responde a unha tradición de noso, moito mellor. Escribín libros sobre o Samaín, o San Xoán, o Entroido… Agora estou preparando un sobre os Maios que sairá publicado o ano que vén en Xerais.
Temos que estar moi orgullosos das nosas tradicións e é importantísimo que os nenos e as nenas as coñezas e as desfruten.
E si, son entroideiro dende que nacín e cada ano procuro visitar un Entroido diferente dos moitos que temos en Galicia, pero ao que non falto nunca é ao de Samede, no Concello de Paderne. Iso de «Sempre houbo mellor Entroido en Samede ca en ningún sitio» é ben certo. E, se non o credes, convídovos a apuntarvos o ano que vén e o descubrades por vós mesmos.
A.S._ Podes adiantarnos algo do teu primeiro libro de teatro que presentarás o sábado 25 de maio na Fundación Neira Vilas?
R.D.V._ Titúlase Medo me dá! e foi gañador do Premio Anisia Miranda de Teatro para a Infancia. Está ilustrado por Nuria Díaz e publicado por Embora.
Trátase dunha peza que, pola súa sinxeleza escénica, tanto pode ser representada por unha compañía profesional como por unha amateur, ou mesmo por un grupo de teatro escolar. A acción transcorre o día anterior á noite do Samaín e trata dos medos que teñen os que nos dan medo a nós, é dicir, un vampiro que non quere ir ao dentista, un lobishome que vai ao salón de peiteado ou unha pantasma que necesita ir á lavandería a lavar a saba. É moi divertida e remata, como non, con todos os personaxes celebrando un magosto.
Para min foi todo un reto escribir teatro, xa que nunca antes o fixera, pero son un escritor de retos e penso que aí está a graza. Se escribise sempre o mesmo correría o risco de aburrirme, e iso é o peor que me pode pasar. Eu necesito divertirme, ben sexa escribindo, lendo, seguindo Felos pola serra de San Mamede ou facendo colares de zonchos e disfrazándome de vampiro para asustar a ninguén.