Publicidad

Rego reivindica «os deberes feitos do BNG» na defensa da Axenda Galega e das maiorías sociais no Estado

FERROL360 | Lunes 23 de marzo de 2026 | 10:48

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, puxo en valor o traballo realizado pola formación nacionalista no Estado, asegurando que o Bloque ten «os deberes feitos» no impulso da Axenda Galega e na defensa de medidas orientadas a protexer as maiorías sociais.

Nun acto público celebrado en Pontedeume, no que tamén participaron o voceiro municipal, Aarón Curbeira, e a concelleira Rocío Pena, o BNG trasladou á veciñanza os avances acadados nas Cortes e o papel desempeñado pola organización na mellora das condicións de vida da cidadanía galega.

Rego salientou que «ningún deputado ou deputada doutra formación política puxo sobre a mesa a Axenda Galega para condicionar o seu voto en calquera das investiduras que houbo. Só o BNG», reivindicando así o carácter determinante da formación nacionalista no escenario político estatal.

O deputado exemplificou este traballo co Acordo de Investidura e coas distintas iniciativas impulsadas, entre as que destacou «as bonificacións nas autoestradas da AP-9 e a AP-53, a implantación de xulgados de violencia de xénero, o aumento das pensións mínimas e non contributivas por riba do IPC, o incremento dos permisos monomarentais ou a quita dun terzo da débeda da Galiza».

Neste sentido, Rego asegurou que o BNG é «unha forza eficaz á hora de defender os intereses da Galiza e unha forza útil para conter a dereita e a ultradereita».

Medidas fronte á crise da guerra

O deputado tamén fixo fincapé no paquete de propostas presentado ao Goberno baixo o título «Protexer Galiza e as maiorías sociais ante as consecuencias da guerra», co obxectivo de minimizar o impacto económico e social do conflito.

«É necesario que o Goberno actúe para protexer a sociedade galega, as clases populares e os sectores económicos da Galiza fronte a esta nova crise», subliñou.

Máis representación para avanzar

Pola súa banda, Aarón Curbeira e Rocío Pena coincidiron en destacar a importancia de aumentar a presenza do BNG nas institucións estatais. «É fundamental para defender á Galiza en Madrid», afirmaron.

Ambos reflexionaron sobre o potencial da formación, sinalando que «se cun deputado e cunha senadora somos capaces de conseguir todo isto, que non seríamos capaces de acadar con máis representación nas Cortes do Estado», incidindo na necesidade de reforzar o papel do BNG para seguir mellorando a calidade de vida da cidadanía galega.