Publicidad

Regresa o ciclo Son Aloumiños con Nadine Khouri, Adrian Crowley e Loch Lomond

FERROL360 | Venres 23 marzo 2018 | 9:43

O ciclo Son Aloumiños regresa na súa segunda edición para ofrecernos concertos de música pop, americana e música de raíces con Nadine Khouri, Adrian Crowley, Loch Lomond, Vinicio Capossela, Castello Branco e Nat Simons. Ademais, este ano ten como novidade o cambio de espazo ao Teatro Jofre.

Uns espectáculos moi seleccionados e cunha grande calidade. Todos eles serán en formato acústico e reducido, que axudan a crear unha atmosfera cálida e íntima. O ciclo arranca o sábado 31 de marzo e rematará o vindeiro 2 de xuño.

Loch Lomond é o encargado de abrir o programa. Será o sábado 31 de marzo, ás 21:00 horas. Loch Lomond é un proxecto colectivo con base en Portland, Oregon, á fronte do cal atopamos a Ritchie Young. Pop de cámara, harmonías vocales prodixiosas e arreglos preciosistas son marca da casa.

Loch Lomond segue o ronsel de proxectos que están cómodos nos contrastes, que transitan os límites do pop e que poñen todo ao servizo das cancións sen importar os instrumentos nin os medios que se utilicen. Loch Lomond soan clásicos pero, á vez, irremediablemente modernos.

Vinicio Capossela tomará o relevo o sábado 21 de abril. Cantautor, compositor e multiinstrumentista recoñecido tanto no seu país como no estranxeiro. O musical non é o único talento dun artista que tamén é poeta, escritor, ilusionista e home espectáculo.

O seu último traballo, Canzoni della cupa, está formado polos discos «Polvere» e «Ombra». No primeiro mergúllase na tradición musical do sur de Italia e penetra nun mundo folclórico, rural, mítico e mitolóxico; no segundo protagoniza unha experiencia de folk global na que colaborou con artistas que van dos míticos Calexico a Flaco Jiménez.

O sábado 5 de maio chegará ao Jofre o brasileiro Castello Branco para presentar o seu segundo traballo «Sintoma», que o sitúa ben alto entre os novos talentos do país carioca. Castello Branco é un dos maiores talentos da súa xeración en Brasil.

Branco ten unha facilidade aplastante para encadear melodías en texturas delicadas e con ese toque que só os músicos brasileiros saben aportar ás súas composicións. Hai ritmo e hai dozura, hai guitarras de veludo coma se Joao Gilberto se apropiara das seis cordas, hai voces que acariñan e hai saudade e alegría. Un gran descubrimento!

Pechará o ciclo o sábado 2 de xuño Nat Simons, que será a primeira artista española en participar no ciclo Son Aloumiños. A calidade da súa proposta artística fai que sexa merecedora de participar nun ciclo tan singular.

En tan só dous anos Nat Simons converteuse na maior referencia da Americana music feita en España. O seu estilo único e o seu directo son unha viaxe entre o folk acústico e o rock potente e conmovedor.

Todos os concertos do ciclo serán no Teatro Jofre, ás 21.00 horas. As entradas teñen un prezo desde 8 euros no caso de mercalas con antelación na web de Ataquilla e na billeteira do teatro terá un prezo de 10 euros.