
FERROL360 | Mércores 18 xullo 2018 | 21:00
A Agrupación Instrutiva de Caamouco ultima a XII Festa da Cabria de Redes, cita etnográfica que terá este ano máis contidos e que durará máis tempo. A entidade organiza este venres, dende as 19:30 horas e no seu centro social, unha xuntanza dirixida a aquelas persoas interesadas en botar unha man no seu desenvolvemento.
Haberá grupos de traballo específicos e incorpórase por vez primeira a intención de que os participantes leven roupa mariñeira; a saber, tanto pantalóns como saias azuis e camisas ou blusas brancas. O festexo comezará ás 11:00 horas cunha feira de artesanía, mercado no que cestería e encaixe serán protagonistas.
Xa ás 11:30 horas, terá lugar o pendurado das redes na cabria infantil, proposta de estrea neste 2018. Dende o mediodía, acto central, consistente no pendurado das redes do xeito na cabria que hai na fachada litoral da vila. A continuación, música de gaita e sardiñada popular no porto, como tamén probas de xinguir e exhibición de kaiaks do Club Marítimo de Redes.
En paralelo, prográmase un obradoiro infantil de nós mariñeiros, culminando as actividades co peche da feira de artesanía e un concerto con Coraline Yap-Chine & Mauricio Caruso na Praza do Pedregal. O Concello de Ares colabora cos promotores, aportando un operativo de seguridade como respaldo a esta festa.