FERROL360 | Venres 9 decembro 2016 | 8:27
O último mercado local do ano de San Sadurniño terá lugar o vindeiro domingo 18 de decembro. Os interesados en reservar espazo xa poden facelo cubrindo este formulario, que deben presentar no Rexistro municipal, ou na Casa da Cultura ou ben no enderezo agustin.perez@sansadurnino.gal.
O prazo de presentación de solicitudes remata o martes 14 de decembro e a listaxe das admitidas publicarase o xoves 15. O obxectivo principal do mercado é promover o comercio de proximidade que permita darlles saída a todo tipo de artigos, aínda que poñendo o acento nos produtos de calidade do sector primario.
En esencia trátase dunha feira coma as de antano pero actualizada para os novos tempos, posto que tamén incorpora un amplo abano de oferta en artesanía, flor e planta e todo tipo de curiosidades de segunda man, moitas delas antigas.
A cita terá lugar en horario de mañá e desenvolverase nos xardíns municipais mantendo a distribución habitual: nos sendeiros máis próximos á Casa do Concello atoparemos os postos de alimentación e produtos frescos, que pouco a pouco van ganando peso nun mercado que, unhas edicións con outras, pasa do medio cento de expositores.
Na metade inferior dos xardíns e na banda oeste situaranse os viveiros e artesanía, mentres que no lado paralelo á estrada de Ferreira compartirán espazo este último gremio e o das persoas que venden artigos de segunda man. Todos eles deberán permanecer instalados, como mínimo, ata as 14.30 hora -o mercado arrancará ás 9.30 horas.- e ponse como requisito que non excedan os seis metros liñais.
Actuación de Nadal no patio do Concello
Quen se achegue ese día ao mercado local poderá gozar ademais dun pequeno concerto das masas corais de San Sadurniño e Lamas que terá lugar na columnata da Casa do Concello a partir das 12.45 horas.
Trátase dun recital para todos os públicos no que ofrecerán unha escolma de panxoliñas do cancioneiro tradicional galego. A entrada é gratuíta e no caso de que fixese mal tempo a actuación trasladaríase á Casa da Cultura co mesmo horario.
