FERROL360 | Mércores 4 novembro 2015 | 9:32
O programa Sansa xove: o novo rural comezaba este luns a súa andaina na Casa da Cultura de San Sadurniño, co dobre obxectivo de concienciar sobre as oportunidades laborais que ofrece o medio rural e ofrecer formación básica para aproveitalas.
Nesta primeira sesión tratouse a agricultura ecolóxica cunha vintena de alumnos, a meirande parte delas menores de 35 anos, que repasará até mediados de decembro aspectos coma o cultivo, a apicultura, a comercialización e venda electrónica ou as visitas guiadas, neste curso co financiado pola Federación Española de Municipios e o INJUVE.
Sansa xove: o novo rural é un proxecto deseñado polas áreas de Emprego e Desenvolvemento Local que procura «reivindicar as oportunidades laborais que ofrece o medio rural, contribuír ao asentamento da xente nova no territorio, mellorar o coñecemento e as habilidades deste ámbito da poboación para adaptarse ao mercado laboral, o fomento do uso das TIC como ferramenta de aprendizaxe para o traballo e prestarlles servizos de orientación laboral e asesoramento para o emprendemento», destacan dende o Concello.