Publicidad

San Sadurniño inicia as obras de reparación da pista entre Campolabrado e A Penamoura, en Naraío

Os traballos de reparación da pista de Naraío comezaron este xoves (Foto: Concello de San Sadurniño)
Os traballos de reparación da pista de Naraío comezaron este xoves (Foto: Concello de San Sadurniño)

FERROL360 | Xoves 1 agosto | 16:20

O Concello destinará uns 15.000 euros para arranxar unha das vías que máis tránsito soportan na parroquia de Naraío. O firme desta pista que une Campolabrado e A Penamoura presentaba grandes deficiencias, pero desde este xoves Canarga Construcciones traballa para arranxar un trazado de 1,2 quilómetros.

A empresa adxudicataria é unha das dezaseis compañías que se presentaron ao concurso de contratación dunhas obras cuxo importe ascendía a 22.700 euros. Logo de ofertar 14.933 euros, Canarga Construcciones faise cargo dunha reparación na que os custos irán por conta do orzamento municipal. A devandita obra non estaba incluida nas partidas para este tipo de infraestruturas cofinanciadas por outras administracións, como é o caso do POS provincial ou do PEIM Rural da Xunta e o Estado.

A pista non está cortada ao tráfico, polo que tanto a empresa coma o Concello piden precaución á hora de circular por ela mentres duren os traballos.