FERROL360 | Venres 20 setembro 2013 | 13:26
O Goberno central traballa nunha lei de racionalización e sostemento para a administración local. A norma que está a ser tramitada nas Cortes supón unha reestruturación completa do sistema municipal actual. A pretensión do Goberno é acadar un aforro duns 7.129 millóns de euros no período 2013-2015, entre outras cousas, reordenando mancomunidades e entidades locais menores, eliminando duplicidades ou redistribuíndo competencias.
Sen embargo, algúns concellos do Estado non están de todo conformes con esta normativa. Algunhas das ameazas que anticipan son a perda de determinados servizos públicos e a redución da marxe de manobra dos municipios a favor das deputacións. A Federación Española de Municipios e Provincias (Femp) e o seu organismo homólogo en Galicia, a Fegamp, desaproban o feito de que se lle resten competencias aos concellos. Segundo a Fegamp, o texto recolle propostas que atentan contra o principio constitucional da autonomía local. En declaracións á axencia Europa Press, esta entidade apoia «publicamente unha postura moi crítica fronte á reforma local, co apoio dos alcaldes e alcaldesas de Galicia».
No caso de San Sadurniño, o consistorio presentou alegacións ao proxecto de lei reclamando un proceso participativo para chegar a un acordo consensual. Para este concello, «a lei debería centrarse en definir claramente as competencias e en repartir os recursos pensando na atención ás persoas e tendo en conta que os concellos son as administracións máis próximas á cidadanía». Dende este municipio reclámase tamén a eliminación das deputacións derivando os recursos aos concellos e protexer os servizos públicos garantindo a súa calidade.
A Comisión Executiva da Fegamp acordou celebrar unha asemblea extraordinaria para abordar esta proposta «aberta a tódolos alcaldes de Galicia» o vindeiro 11 de outubro en Santiago.
Debate sobre el post