ARY LÓPEZ | Venres 27 de setembro 2013 | 19:13
A Casa da Cultura de San Sadurniño cumprirá este sábado a función de arquivo visual e sonoro e será testemuña unha vez máis, da riqueza popular da nosa comarca.
Un tesouro de antigas fotografías de grupos tradicionais, un intercambio de coñecementos entre artistas galegos e o goce das interpretacións musicais do país agardan por nós na quinta edición da Xornada de Cultura Popular Galega. A temática principal céntrase este ano na importancia da voz na música popular.
O obxectivo desta cita coincide co da entidade organizadora. A Asociación Folclórica e Cultural Berros do Castro loita por revalorizar a cultura popular galega e promocionar os grupos de música tradicional noveis da comarca de Ferrolterra.
As actividades da V Xornada de Cultura Popular Galega divídense en tres apartados culturais. Unha exposición de imaxes antigas de músicos ponteses, un obradoiro musical para traballar a voz e a percusión nos esquemas tradicionais galegos a cargo do músico Xabier Díaz, quen posteriormente ofrecerá un concerto gratuíto, ao que se sumarán tamén as melodías do grupo novel de pandereteiras Algarabía de Lago (Valdoviño) e do grupo de música tradicional Os Melidaos (Melide).
Ninguén mellor para falar desta xornada que un dos membros da organización e compoñente do grupo de música tradicional Berros do Castro, Bruno Casal.

FERROL360 – Con xa cinco edicións ás costas, supoño que cada vez é máis doado pechar o programa desta xornada, pero tamén terá as súas dificultades.
BRUNO CASAL – Na xestión de medios cada vez é máis doado porque o temos moi trallado durante estes cinco anos. Pero o máis difícil é a estrutura específica que facemos da xornada. Intentamos que teña un tronco común e manter as tres partes: unha exposición, un obradoiro sobre música tradicional e, para rematar, uns concertos. Intentamos darlle sempre un nexo común, neste caso a voz na música popular. Entón, o que si nos resulta máis complicado é artellar esta estrutura.
360 – A nivel comarcal e mesmo fóra de Ferrolterra, é sinxelo atopar un evento cultural destas características?
BC – Hai eventos culturais artellados en torno á voz na música popular e de gaita. Obradoiros, xornadas que tocan diferentes aspectos da cultura galega, pero non vemos nada semellante a esta estrutura con tres partes conectadas por un nexo común, algo que cremos que lle dá un importante valor.
360 – En que outras iniciativas participa a Asociación Folclórica e Cultural Berros do Castro?
BC – O último que estamos desenvolvendo, que esperemos saia á luz en Nadal, é a elaboración dun libro-cedé. Temos un concerto didáctico que se chama ‘Unha imaxe, unha melodía, un recordo. Percorrido gráfico-sonoro polas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal’, que é unha proxección de imaxes antigas e acompañamento da música deses grupos e explicamos quen eran e interpretamos unha peza do seu repertorio. O próximo 13 de outubro gravaremos o que será un material que vincule imaxe e música da nosa cultura onde o lector poderá ver fotografías e escoitar cortes sonoros do que tocaban antigamente os nosos paisanos.
360 – Mañá atoparemos esa mostra fotográfica de gran valor cedida pola AVV Painceiras de Ribadeume, onde hai algunhas imaxes que chegan aos 100 anos de antigüidade. Cales destacarías?
BC – A foto protagonista é a da banda de Ribadeume, que se formou no ano 1909. Con esta exposición intentamos amosar as parroquias de Ribadeume e Bermui, que en torno a unha banda xeraron unha importante corrente musical e cultural antes da Guerra Civil e nos anos da posguerra. Entón as fotografías corresponden á vida destas parroquias e dos músicos que naceron desta banda.

360 – Cres que antes era máis doado que agora ter un veciño, familiar que tocara a gaita, o tamboril?
BC – Non, hai moitos máis músicos hoxe en día. Antes estaban moi localizados e animaban as festas das parroquias, pero non había a proliferación de hoxe en día. Aprender a tocar un instrumento era algo moi secundario e transmitíase por tradición, pero non había iniciativa de escolas de música e non había medios. Ferrol sempre tivo moitos músicos que fixeron moita ensinanza na cidade, porque había bandas de música militar que ensinaban a outros, pero é un caso distinto ao rural.
360 – Para o obradoiro de Xabier Diaz foi necesario inscribirse previamente e foi un éxito, porque as prazas xa se completaron.
BC – Foi un éxito porque o día que o abrimos xa se completou e tivemos que ampliar o número de inscricións. Comezamos con 15 e ao final temos 30. Pero é normal porque é todo un xenio este rapaz.
360 – Os concertos tamén serán un intercambio entre a música tradicional da comarca e a de fóra. Teremos xente de Valdoviño (Algarabía de Lago), de Melide (Os Melidaos) e ao remate Xabier Díaz. Que diferenzas máis notorias se poden apreciar nas distintas partituras destas agrupacións?
BC – Os Melidaos rescata as foliadas dos coros tradicionais e tiran polo camiño da música coral cun estilo tipo Treixadura. E despois sempre intentamos que haxa visibilidade da comarca, e por iso traemos un grupo novel, coma neste caso as cantareiras, que son un conxunto cercano ás señoras maiores que cantaban nas festas das parroquias. E Xabier Díaz poñerá en práctica o que se aprendeu no obradoiro, aportando o seu punto de vista.
360 – Que outras agrupacións tradicionais che gustaría ter invitado este ano?
BC – Tivémolo moi claro dende o principio. Tiñamos definido o estilo específico, por un lado un grupo preto ás corais tradicionais e por outro, as cantareiras. E logo a tradición destas xornadas é que o mestre do obradoiro imparta tamén un concerto.
360 – E despois do sábado, iredes a pola sexta edición?
BC – Sen lugar a dúbidas. De feito xa hoxe temos pechada a exposición da sexta edición.
Agardaremos o misterio para a vindeira Xornada de Cultura Popular Galega, gozando mentres desta quinta edición na que colabora o Concello de San Sadurniño, a Deputación da Coruña e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
Na Casa da Cultura, a inauguración da actividade será ás 10:00 horas e a continuación desenvolverase o obradoiro dirixido por Xabier Díaz -de 10:30 a 13:00 e de 16:00 a 19:00 horas-. A xornada clausurarase cos concertos gratuítos que darán comezo ás 20:00 horas.
Debate sobre el post