REBECA COLLADO | Ferrol | Luns 4 xullo 2016 | 13:48
Entre restos de paredes, de cemento e de todo tipo de obxectos abandonados, miles de libros atoparon unha segunda oportunidade. Estaban condenados ao esquecemento, a que ninguén volvera a abrir as súas tapas e se enfrascara na súa lectura, pero Manolo Piñón, un traballador da planta de reciclaxe de Recinor, non estaba disposto a que esa fora a aventura final dos exemplares.
«Por pura casualidade», asegura Manolo, comezou con esta fermosa iniciativa de recuperar libros dos entullos de demolicións de vivendas. Foi no momento no que a planta incorporou a actividade de reciclaxe e Manolo explica que no medio dos entullos aparecían cousas moi interesantes como peluches, cadros e libros, moreas de libros.
Daquela a selección era manual, o que permitía recoller dos restos das demolicións os obxectos pequenos, sinala Piñón. A sorte, ou o destino dos libros, quixo que «os primeiros exemplares que atopamos tiñan un valor literario e decidimos xuntalos». De feito, ao longo dos cinco anos nos que se desenvolveu este proxecto de recuperación atoparon libros dos séculos XVIII e XIX.
Moitos dos traballadores da planta participaron na iniciativa e apartaban dos restos de paredes e cemento todo tipo de publicacións impresas «me collían libros de texto e ata catálogos», lembra Manolo, que apunta que a tarefa foi por momentos inxente. Sen deixar o seu traballo habitual, o empregado adicaba unha parte da tarde a seleccionar os volumes que tiñan interese.
Unha segunda oportunidade
O proceso de recuperación dos libros era complicado, indica Manolo, xa que «veñen en malas condicións, porque ademais do deterioro de cando se fai a demolición, van a un contedor con entullos, e se é inverno coa chuvia empápanse». Despois desde periplo, os exemplares chegaban ás mans de Manolo, que con mimo e coidado, adicábase a «separalos, secalos, sacudilos e pouquiño a pouco adecentalos para poder usalos».
Unha dedicación que só pode entenderse nun amante da literatura, que ten visto pasar polas súas mans uns 2.500 libros. Recuperados un a un, catalogados e preparados para que outros gocen coas súas historias.
Manolo comenta que entre tantos libros hai centos de historias e anécdotas, como un libro de Castelao que se editou en Ferrol e «dentro viñan os diferentes sitios polos que viaxou o libro. Estivo en Buenos Aires e en Río de Janeiro, entre outros, e despois volveu aquí no medio dos entullos». Atoparon moitos libros de teatro de principios do século XX e estreas no Jofre, «verdadeiras xoias, non entendo como podían tirar iso», lamenta Piñón.
A iniciativa calou non só en Manolo Piñón, que salienta que a empresa nunca lle puxo problemas por adicarse a esta tarefa, senón en toda a compañía. Así, o traballador comenta que na zona de oficinas da empresa dotouse unha habitación con estanterías para ofrecer unha biblioteca aos empregados, «ata que nos desbordou», afirma Piñón. Nese momento decidiron doar os exemplares a entidades como o Ateneo e diferentes asociación socio culturais da comarca.
Exposición
Precisamente no Ateneo Ferrolán inaugúrase unha exposición este luns con parte deses libros recuperados por Manolo Piñón e doados á entidade. E como se sinte Manolo horas antes do evento? Asegura sentirse contento porque «eran libros que estaban condenados a desaparecer» e agora «poden estar nun sitio de acceso a todo o mundo, onde poidan ser utilizados».
A mostra abrirase ao público este luns 4 de xullo ás 20:00 horas.
Debate sobre el post