Tagen Ata: tecnoloxía ao servizo das persoas, e agora tamén das empresas

IMG_9791

ALICIA SEOANE | Lunes 16 de marzo de 2026 | 10:45

Nun mundo cada vez máis dixital, onde as empresas e as administracións necesitan adaptarse á tecnoloxía a gran velocidade, hai quen leva máis de dúas décadas traballando nunha idea moi concreta: achegar a tecnoloxía ás persoas.

Ese é precisamente o espírito co que naceu a cooperativa Tagen Ata, que este ano cumpre 23 anos de traxectoria, cun modelo baseado na economía social e nunha filosofía clara: que as ferramentas dixitais non sexan unha barreira, senón unha oportunidade.

Así o explican Mercedes Gómez e Iván Servia, integrantes da entidade. «Levamos máis de vinte anos intentando achegar ferramentas tecnolóxicas ás persoas, porque ás veces parece que todos somos moi tecnolóxicos, pero en realidade non é así», sinala Mercedes.

Un proxecto que naceu doutro xeito

A historia de Tagen Ata comezou con persoas vinculadas á educación, á lingua ou á economía social, e durante un tempo ese modelo funcionou con normalidade. Porén, a crise económica cambiouno todo.

«No 2009 caeron practicamente o 90% dos contratos que tiñamos coas administracións. As administracións deixaron de gastar e houbo que reinventarse totalmente», explican. Foi entón cando decidiron virar cara a un ámbito que comezaba a medrar: a formación e os servizos tecnolóxicos.

Dende entón, Tagen Ata traballa acompañando a empresas e institucións no proceso de adaptación ao mundo dixital. «Moitas veces hai un muro entre as persoas e a tecnoloxía, e nós intentamos romper ese muro», explica Iván Servia.

O seu traballo pode ir desde proxectos moi sinxelos ata outros máis complexos. «Podemos ir desde facer unha páxina web para que un negocio apareza en internet ata proxectos máis complexos de comunicación ou de xestión de redes sociais», detallan.

Pero un dos ámbitos nos que máis están a traballar nos últimos anos é o da formación a través de plataformas dixitais.

Formación para empresas sen barreiras

Un dos servizos que ofrece Tagen Ata é a creación de plataformas personalizadas para que as empresas poidan formar aos seus traballadores. «Cada empresa pode ter a súa propia plataforma, cos seus contidos, cos accesos para cada traballador e co rexistro de todo o proceso formativo», explican.

Estas ferramentas permiten que a formación non dependa dun lugar ou dun horario concreto. «Unha persoa pode facer un curso cando lle veña mellor, pola tarde, un sábado pola mañá ou nun momento libre da xornada laboral», indican.

Ademais, todas as actividades quedan rexistradas, algo fundamental para moitos programas formativos, «queda constancia de que esa persoa viu os contidos e realizou as actividades correspondentes».

Aínda que o seu traballo está ligado ás ferramentas dixitais, dende a cooperativa teñen claro que a tecnoloxía non pode substituír completamente a relación presencial. «A presencialidade non vai desaparecer. O futuro vai ser unha mestura entre formación presencial e formación en liña», sinalan.

A experiencia dos últimos anos, especialmente tras a pandemia, reforzou esa idea. «Seguimos sendo seres sociais e necesitamos contacto directo, aínda que para formarse o mundo dixital, tamén favorece aspectos importantes como a conciliación», explica Iván.

O valor da economía social

Outro dos elementos que define a Tegata é o seu modelo cooperativo, baseado na economía social.

«Nunha cooperativa cada persoa ten un voto, independentemente do capital que aporte», explican.Iso non significa que non compitan no mercado. «Somos unha empresa como calquera outra, prestamos servizos e competimos no mercado, pero coas persoas no centro». Ese é precisamente un dos principios da economía social: priorizar as necesidades das persoas sen renunciar á viabilidade empresarial.

Mirando cara ao futuro

Tras 23 anos de actividade, varias crises económicas e múltiples cambios tecnolóxicos, Tagen Ata continúa evolucionando. O obxectivo segue sendo o mesmo que ao comezo: facilitar que a tecnoloxía sexa unha ferramenta útil e accesible.

«A tecnoloxía vai formar parte cada vez máis das nosas vidas, e o importante é aprender a utilizala ben», conclúen. Porque, ao final, como repiten ao longo da conversa, o verdadeiro reto non está na tecnoloxía en si mesma, senón en conseguir que estea ao servizo das persoas.

Relacionadas