FERROL360| Xoves 10 marzo 2016 | 12:00
O Pazo da Cultura de Narón vestirase este sábado de longo para acoller a estrea da obra teatral Nosa Señora das Nubes, a cargo da compañía Teatro do Morcego. Esta comedia para adultos está dirixida por Celso Parada, que actuará xunto con Josi Lage, Mundo Villalustres e Pablo Costas.
A poesía e o humor son unha constante nesta peza, que centra as historias na lonxana patria de Nosa Señora das Nubes. Óscar e Bruno son dous expatriados que se atopan e describen as súas vivencias anos atrás no que foi o seu pobo. Estas historias altérnanse con outras máis actuais, convidando aos espectadores a reflexionar sobre o exilio e os desprazados no mundo.
A representación comezará ás 20:00 horas e o prezo das entradas é de 9,50 euros para o público en xeral e de 6,65 para abonados, persoas con carné xove ou de estudante (ata 25 anos), desempregados e menores de 14 anos.
As persoas interesadas en recibir máis información ou reservar as súas entradas poden facelo chamando ao número de teléfono 981.102.897 ou a través do enderezo electrónico: taquilla.pazo.@naron.es.