FERROL360 | Luns 14 decembro 2015 | 18:38
Actividades para todos os gustos e centrada, sobre todo, nos máis pequenos. Así é a programación de Nadal que o Concello de San Sadurniño ten preparada para as vindeiras semanas.
A actividade empeza xa este martes con títeres para o alumnado do colexio público, ás 12.30 horas, na Casa da Cultura. Trátase dunha obra de títeres da compañía Trompicallo na que se lle contará ao público máis novo do CPI o ciclo da auga e por que é fundamental para que haxa vida na Terra.
O xoves, o teatro volverá ao mesmo lugar da man de Caramuxo e a obra Zapatos, para a cativería da EIM A Rolada. A obra -pensada para idades entre 1 e 4 anos- narra a fantástica historia dos zapatos que xa ninguén usa pero que cobran vida nun xardín marabilloso na compaña dunha rapaza.
Pensando nos nenos menores de 12 anos, o Concello organizou para a tarde do venres a súa tradicional festa de Nadal con xogos, música e a visita do Apalpador. O mítico carboeiro do Courel baixará das montañas sobre as 19.00 horas para escoitar as peticións e desexos dos nenos.
Xa desde as 17.00 horas, a Casa da Cultura acollerá distintos entretementos para os que fará falla cubrir unha ficha de inscrición. Non hai límite de prazas e a ficha é unha simple autorización para que a rapazada poida quedar na festa co monitorado.
Cita para a fin de semana
Este sábado, Trompicallo volverá á Casa da Cultura coa peza Osiño, na que o protagonista irá descubrindo coa axuda da súa nai as distintas estacións do ano. A representación vai dirixida a toda a familia, aínda que está recomendada para aquelas que teñan nenos e nenas pequenas. Comezará ás 18.00 horas e a entrada é gratuíta.
O domingo 20 de decembro é a data elixida polo departamento de Desenvolvemento local para a celebración do último mercado local do ano. Unha edición especial do Nadal que seguramente se vexa animada por coincidir con xornada electoral e pola proximidade dunhas festas que tradicionalmente animan as compras.
O mesmo día, na Casa da Cultura haberá un concerto de música clásica ofrecido polo alumnado de Iliá e María Keilin. Trátase dun recital para todos os públicos programado para as 11.00 horas no que, seguramente, nos brindarán un repertorio propio destas datas. A entrada tamén é de balde.
Nadal deportivo
Outro clásico que volve por estas datas é o Nadal deportivo, dirixido á rapazada de 6 a 12 anos e pensado para que poida practicar distintas disciplinas adaptadas a esa banda de idades.
Esta actividade gratuíta desenvolverase nas mañás dos días 21, 22 e 23 de decembro no Pavillón Municipal e haberá volei, fútbol sala, baile moderno, bicicleta, patinaxe-hockey e xogos predeportivos. Cada mañá ocuparase de dous deportes, un de 10.30 a 12.00 horas e outro de 12.00 a 13.30 horas.
Cada participante deberá inscribirse o venres 19 como moi tarde nun mínimo de 4 deportes. Para apuntarse haberá que pasar pola Casa da Cultura ou mandar un correo coa ficha cuberta a: agustin.perez@sansadurnino.gal. Hai máis información chamando ao 981 490 027 (ext.3).
Deporte feminino e panxoliñas
A tarde do derradeiro domingo do ano, o Pavillón Municipal acollerá un partido de voleibol entre a categoría infantil e a cadete do Aldebarán e o segundo será o II Trofeo solidario de fútbol sala feminino Concello de San Sadurniño, no que se enfrontarán o CD Burela e o Valdetires.
Ademais, o Club Brío ten preparada unha exhibición de ximnasia rítmica e antes de rematar tamén nos ofrecerá unha clase maxistral de danza. A entrada é gratuíta, pero pídeselle ao público que leve da casa algún alimento non perecedoiro ou artigos de limpeza e hixiene persoal. Os Servizos Sociais do Concello farán lotes a repartir entre aquelas familias do municipio con menos recursos.
Namentras, en Naraío, a Asociación de Veciños O Castelo organiza un obradoiro de Cantos de Nadal coa participación das escolas de música tradicional. Non se trata dun concerto, senón de preparar entre todas as persoas asistentes -grandes e pequenas- varias panxoliñas co apoio instrumental das escolas musicais.
O horario aínda non é definitivo, pero seguramente se arranque coa actividade entre as 17:00 e as 18.00 horas. No decurso da tarde tamén pasará por Naraío o Apalpador -seguramente na súa ruta de volta ao Courel- e a asociación ofreceranos unha merenda a base de bica e chocolate.
Festa de Reis
Na tardiña do 5 de xaneiro, os Magos do Oriente farán parada en San Sadurniño para recoller cartas escritas a última hora e para volver confirmar as peticións de quen as mandaron con tempo de adianto suficiente. Os nenos deberán agardar por eles no ximnasio do CPI, mentres gozan de xogos, obradoiros e música.
Por último, no Pavillón Municipal os días 9 e 10 de xaneiro celebrarase a Copa Príncipe de volei. Trátase dunha das competicións máis importantes do volei estatal e nela enfrontaranse o Aldebarán como equipo anfitrión, o Can Ventura Palma -líder da clasificación-, o CyL Palencia e o F.C. Barcelona.
O sábado a partir das 17.00 horas desenvolveranse as semifinais e o domingo a partir das 12.00 horas a final.
Debate sobre el post