Publicidad

Últimos días para anotarse en O Talentiño 2026, que aposta polas academias e o galego

FERROL360 | Martes 24 de marzo de 2026 | 8:50

O certame xuvenil O Talentiño 2026 continúa a consolidarse como unha das principais plataformas de promoción do talento novo en Galicia, incorporando nesta edición novidades centradas no apoio ás academias e na difusión da lingua galega.

A organización manterá os premios de 300 euros para as persoas gañadoras de cada categoría, aos que se suman novas iniciativas destinadas a enriquecer a experiencia dos participantes e reforzar o tecido cultural da provincia da Coruña.

Entre as principais novidades, destaca a posibilidade de que participantes e gañadores actúen no programa da TVG ‘Quen anda aí’, ampliando así a súa visibilidade artística. Ademais, todos os finalistas recibirán entradas para un parque multiaventura como recoñecemento ao seu esforzo.

O certame tamén impulsará o seu catálogo de artistas, unha ferramenta de promoción na que este ano se dará especial protagonismo ás academias da provincia, recoñecendo o seu papel na formación do talento emerxente.

En liña co compromiso coa cultura propia, O Talentiño incorporará un agasallo especial á promoción da lingua galega, que se concederá entre aquelas actuacións que empreguen o galego ou contribúan á difusión da cultura de Galicia.

Con estas medidas, o evento reafirma o seu papel como espazo de impulso á creatividade xuvenil, ao tempo que promove o uso da lingua galega e o desenvolvemento artístico.

Última semana para inscribirse

A cuarta edición de O Talentiño amplía o seu alcance e abre a participación a mozos e mozas de entre 8 e 18 anos de toda a provincia da Coruña. O certame conta co respaldo do Concello de Ferrol e coa colaboración do Campus Industrial de Ferrol da Universidade da Coruña.

Os participantes poderán competir en cinco categorías: vocalistas, instrumentistas, danza lírica, danza urbana e variedades, incluíndo maxia, monólogos ou artes escénicas. A participación poderá ser individual ou en grupo, cun máximo de 25 integrantes por formación.

O prazo de inscrición permanecerá aberto ata este sábado 28 de marzo a través da páxina web oficial do festival.