Publicidad

Un cento de persoas na convocatoria de Galiza pola Paz en Ferrol

FERROL360 | Domingo 20 marzo 2022 | 21:12

Este domingo a plataforma Galiza pola Paz convocou concentracións en cidades e vilas galegas, tamén en Ferrol, onde un cento de persoas acudiu as 12:00 horas a praza de Armas para dar lectura a un manifesto a prol da paz e contrario a guerra.

Reixeitaron a intervención militar rusa en Ucrania e pediron a retirada das tropas, expresando a súa solidariedade co sufrimento do pobo ucraíno, de xeito especial cos millóns de refuxiados que está a provocar o conflito.

Chaman á volta da diplomacia e o cesamento da guerra, pedindo o compromiso de Ucrania de non incorporarse a OTAN en consonancia cos acordos de Minsk, así como o recoñecemento de Donestk e Lugansk como repúblicas populares.

Consideran «lamentábel o papel que está a xogar a Unión Europea neste conflito, como títere dos intereses da OTAN e os Estados Unidos», ao tempo que reclaman neutralidade do Goberno de Pedro Sánchez e rexeitan o anuncio dun incremento no gasto militar.

Lembrando que tamén hai millóns de refuxiados por mor doutras guerras e conflitos que están a acontecer desde hai tempo, reiteran que «as nosas únicas armas, as únicas que queremos empregar, son a palabra, a solidariedades e a mobilización social», destacando que «o galego é un pobo que ten demostrado historicamente a sú adhesión fraternal ás causas xustas en calquera parte do mundo, e así o facemos tamén agora, alzando a nosa voz».