FERROL360 | Viernes 26 de junio de 2025 | 11:14
Valdoviño volverá converter a praia da Frouxeira nun complexo deportivo este sábado coa celebración do V Torneo de Tenis Praia, organizado pola Concellería de Deportes. Un total de 44 parellas competirán desde as 10:00 ata as 20:00 horas en cinco categorías distintas: masculina, feminina, mixta, infantil e familiar.
A xornada deportiva prolongarase durante todo o día, con partidos programados de maneira continuada e entrega de premios prevista para última hora da tarde. Os horarios e os emparellamentos poden consultarse no portal web de Ibertenis (https://www.ibertenis.com/tenis/torneos/1386/), onde tamén se actualizarán os resultados.
A actividade enmárcase dentro do programa OcioSol 2025 e conta coa colaboración da Escola de Tenis Justo al Revés, que tamén coordina as clases anuais de tenis no pavillón municipal de O Longoiro. Durante o verán, a escola volverá estar á fronte das sesións que se desenvolven ao aire libre na praia, buscando achegar o deporte a toda a veciñanza.
O concelleiro de Deportes, Sergio Saavedra, destacou o crecemento do torneo ano tras ano e sinalou que «esta cita xa se consolidou como unha das propostas máis atractivas do verán en Valdoviño, combinando deporte, natureza e participación familiar».