FERROL360 | Mércores 7 novembro 2018 | 9:39
O Concello de Neda organiza para este venres a presentación oficial dun exemplar orixinal do mapa Fontán cedido polo fillo predilecto da vila, Vicente Araguas Álvarez, e que a partir desa data permanecerá exposto ao público na biblioteca municipal.
Trátase da primeira carta xeométrica de Galicia realizada por Domingo Fontán no ano 1845 e agora restaurada por Jorge Juan Medín Guyatt. O acto de presentación será ás 20.00 horas na biblioteca para posteriormente trasladarse ao salón de actos da Casa da Cultura, no que terán lugar ás intervencións dalgúns dos invitados.
Presidido polo alcalde, Ángel Alvariño, e máis a concelleira de Cultura, Cristina Bouza, tomarán a palabra o escritor e músico Vicente Araguas Álvarez e Víctor Pollán Fernández, profesor e membro da comisión técnica temporal para a celebración do 200o aniversario do inicio da carta xeométrica.
Pollán Fernández impartirá unha conferencia cuxo título ‘Fontán, un adiantado do século XIX’. Tamén se atoparán entre os asistentes o restaurador Jorge Juan Medín Guyatt e o seu anterior propietario, Rafael González-Robatto. O acto rematará coa actuación do grupo de Cantareiras Xerfa, de Airiños de Fene.
O goberno municipal invita á veciñanza a asistir ao acto que pon a Neda no mapa dos poucos lugares de Galicia nos que a xente pode ter acceso directo cun exemplar desde importancia e transcendencia. O Concello estima nuns 12.000 euros os cartos investidos no proceso de restauración ao que foi sometido e a obra realizada para acoller o mapa, do que tamén existen exemplares no museo de Trasalba, no pazo de Mariñán, no Parlamento de Galicia, na Real Academia Galega da Lingua e no pazo de Raxoi.
O coñecido como Mapa Fontán é unha carta xeométrica de Galicia, divida en provincias e subdividida en partidos e concellos. Está levantada e construída a escala 1;100.000, foi gravada en París por Louis Bouffard e estampada nunha ducia de pedras litográficas na imprenta M. Lémécier.
Domingo Fontán dedicou 17 anos da súa vida (1817-1834) á realización dunha obra que foi o primeiro mapa feito en España con métodos científicos e medicións matemáticas. Nela aparecen localizadas las 4.000 igrexas das parroquias galegas e os accidentes xeográficos máis importantes, alcanzando un nivel de detalle que só foi superado coa aparición da fotogrametría aérea.
Rematado o traballo, no ano 1834, foi a propia raíña rexente María Cristina a que deu a orde de imprimilo en París.
Debate sobre el post