FERROL360 | Domingo 9 xuño 2019 | 18:05
O antigo mercado municipal de Valdoviño acollerá nuns meses o primeiro Centro Sociocomunitario do Concello. As obras, que xa están en marcha, teñen como obxectivo a rehabilitación integral do espazo do mercado para usos sociais.
As dependencias sitúanse á entrada da parroquia de Valdoviño, na estrada de Cedeira, e na área de influencia do Centro de Saúde, do Auditorio, do Museo do Surf e da Casa da Cultura.
Na actualidade o local está en desuso e destinado como almacen municipal. Nembargantes, trala xubilación da titular do único negocio que durante anos ocupou o inmoble permite a súa reforma e rehabilitación.
Aínda que alberga as dependencias da Garda Civil e do Xulgado de Paz, a maior parte da súa superficie, noutrora mercado será reformada despois da segunda fase das obras.
A primeira e a segunda fase do proxecto contemplan, a grandes rasgos, ampliar a superficie útil. Para conseguilo cubrirase a zona dos soportais así como a demolición das escaleiras de acceso e a construción dunhas novas. A idea é comunicar a nova planta baixa coa primeira mediante un ascensor.
A edificación destinarase a usos sociais, asociativos, de ocio, culturais e mesmo deportivos. Tamén será un espazo de encontro, reunión e actividade para os veciños e veciñas. Compatibilizará estes usos coa celebración de charlas divulgativas e accións formativas.
O orzamento da primeira fase das obras conta cun orzamento superior aos 236.000 euros nos que colaboran a Xunta e o Concello ao igual que na segunda fase.
Debate sobre el post