FERROL360 | Xoves 13 decembro 2018 | 10:04
Pandeiretas e adufes son perfectos aliados da copla, gala do xardín encantado da lírica galega como dicía Cabanillas. O novo traballo de Xabier Díaz xunto coas Adufeiras de Salitre, un grupo de percusionistas e cantoras de música popular, preséntase como o lugar onde a tradición non esmoreceu, onde queda sitio para o baile e o aturauxo.
Acompañados por Gutier Álvarez, zanfona e violín, e Javier Álvarez, acordeón diatónico, presentan novo traballo que leva por título Noró. Un novo porxecto preparado para invadir con muiñeiras e pasodobres os teatros e festivais do mundo.
Subiranse ao escenario do Pazo da Cultura de Narón este sábado a partir das 20.00 horas. As entradas teñen un prezo de 9,50 euros para público xeral e de 6,65 euros para abonados, desempregados ou carne xove ou de estudante, ata 25 anos.