FERROL360 | Xoves 21 maio 2015 | 17:53
Estas serán as segundas eleccións ás que Xosé Manuel Blanco Suárez preséntase como cabeza de lista de Terra Galega á Alcaldía de Narón. Extraballador de Unión Fenosa, Blanco é alcalde do municipio desde o ano 2009, trala marcha de Xoán Gato, e leva 32 anos como concelleiro en Narón.
Ferrolán de nacemento, a súa actividade política sempre estivo vinculada a Narón e militou en diferentes organizacións políticas antes da constitución de TEGA. Así, estivo na Agrupación Nacionalista Galega de Narón, Partido Socialista Galego-Esquerda Galega e Unidade por Narón. Antes da súa implicación na política participou no movemento asociativo da AVV A Gándara.
FERROL360 – Un problema, unha solución: Cooperativa de Pedroso
Xosé Manuel Blanco – A cooperativa de Pedroso é privada e polo tanto, a administración local non pode actuar. A solución aos seus problemas actuais pasa polo feito de que tanto o Ministerio de Facenda como a Xunta de Galicia exerzan un control máis estricto sobre como se desenvolveu a actividade da cooperativa.
360 – Que proxectos a desenvolver con outras administracións son irrenunciábeis para Narón nos vindeiros catro anos? E que dependan só do goberno local?
XMB – Hai dúas actuacións que son fundamentais relacionadas cos gobernos autonómico e central. Unha é o remate das obras de saneamento integral da ría e outra a construción do centro de saúde, comprometido no ano 2007 pola Xunta de Galicia. No referente ás que dependen directamente do Concello, a prioridade é completar a rede de saneamento rural. Pero loxicamente, polo importe que supón acometer os traballos pendentes, que supera os dez millóns de euros, sería imprescindible a implicación tanto da Deputación como da Xunta para poder cofinanciar as obras, tal e como se fai noutros municipios galegos.
360 – Destaque tres iniciativas do seu programa
XMB – Continuar traballando para ofrecer servizos públicos de calidade aos veciños e veciñas de Narón, fundamentalmente en material de Servizos Sociais; avanzar no proxecto de conexión dos barrios da zona urbana do municipio, mellorando as comunicacións, e axilizar o fin das obras do saneamento na zona rural.
360 – Cales son as súas propostas para impulsar o emprendemento?
XMB – É fundamental a coordinación entre administracións para facilitar a venta de chan industrial e coordinarse coas campañas do Plan Ferrol para axudar aos empresarios que aposten polo municipio para asentar as súas compañías. Tamén resulta imprescindible seguir axilizando, como vimos facendo desde hai anos, a tramitación que requiren este tipo de procesos na administración. No referente á área municipal, continuaremos apostando pola potenciación tanto da formación como do asesoramento aos emprendedores.
360 – Narón acadou os 40.000 habitantes. Que iniciativas propón para continuar na senda do crecemento?
XMB – Hai que seguir o camiño marcado, mellorando as infraestruturas, incrementando o número de zonas verdes e ofrecendo máis servizos públicos, sen descoidar en ningún momento a atención á infancia, ás persoas maiores, á cultura e ao deporte, pilares das políticas de Terra Galega en Narón.
360 – Que foi o mellor e o peor deste último mandato?
XMB – O mellor foi o feito de poder traballar coa tranquilidade que require o día a día na vida política durante todo o mandato, caracterizado polo entendemento entre as distintas forzas que formaron parte do equipo de goberno, en beneficio dos veciños e veciñas de Narón.
O peor foi non poder rematar as obras de saneamento na zona rural do concello, debido en parte á falta de axudas da Xunta e a Deputación da Coruña, a pesar de ter ambas administracións representantes de Narón no Concello e de que votaron na Xunta e na Deputación a favor da concesión de centos de miles de euros a outros municipios para obras de saneamento e abastecemento e non loitaron polos mesmos dereitos para os veciños e veciñas de Narón.
Foi Terra Galega quen xestionou e incluso reclamou xudicialmente as axudas que lle corresponden ao municipio. E eses mesmos representantes do PP de Narón na Xunta e na Deputación lamentablemente nos últimos catro anos tampouco urxiron o inicio das comprometidas obras do centro de saúde, que nos gustaría que estivera xa en funcionamento.
360 – En xeral, séntese satisfeito do traballo realizado?
XMB – Si. Sempre hai que traballar para conseguir máis pero do que se fixo nos últimos anos estou completamente satisfeito. Mostra do traballo realizado é o resultado dun informe do Consello Superior de Investigacións Científicas, que analizou máis de 350 municipios de España e sitúa a Narón como noveno concello do país que mellor soportou a crise económica, tan só superado por oito localidades vascas.
360 – Con quen estaría disposto a pactar, con quen non, e porqué?
XMB – Nós sempre estivemos dispostos a pactar con todos aqueles partidos que aposten, como Terra Galega, polo desenvolvemento de Narón, que sigan o camiño marcado sen perder tempo en liortas partidistas e que defendan aos veciños e veciñas por riba dos intereses persoais ou das siglas e das cúpulas dos partidos en Galicia ou Madrid. Se se respectan esas premisas Terra Galega está aberta a posibles pactos.
360 – Por que se presenta como candidato á Alcaldía?
XMB – Porque levo máis de trinta anos na política activa, a onde cheguei desde o movemento asociativo e a día de hoxe manteño intacta a ilusión por seguir traballando, xunto co resto do equipo de Terra Galega, polo prometedor futuro que lle espera a Narón.
Debate sobre el post