JOSÉ MANUEL GARCÍA CASTRO | De quen vés sendo? | Luns 2 enero 2023 | 12:56
Lonxe queda a época dourada das salas cine galegas, aqueles anos nos que cada vila, e mesmo case cada parroquia, contaba cunha sala de proxeccións. Estas podían ser moi modestas, de escasos medios e situadas en pequenos locais, compartindo espazo con salóns de baile. Na maior parte dos casos, consistían en edificios propios, nos que ademais, os seus promotores trataban de converter o cine nun fito urbano, construíndoos nos lugares máis destacados e recorrendo ás arquitecturas de moda na época.
Grandes, pequenos, modestos ou fastuosos, a función dos cines era sempre a mesma: transformar a sala de proxeccións nunha caixa de soños onde poder evadirse e esquecerse dos rigores da vida cotiá. O cine permitía viaxar a lugares lonxanos e correr aventuras a quen nunca saíra dos arredores da súa vila, así como vivir romances, moitas veces, fóra da propia pantalla aproveitando a escuridade da sala.
Unha destas caixas de soños foi, precisamente, o cine Adriano de Barallobre, que este día de Nadal cumpriu 75 anos da súa apertura no ano 1947 coa proxección inaugural do filme Dillinger, enemigo público nº 1. Este cine, construído polo enxeño do indiano Antonio Fernández, mantívose en activo durante case 25 anos ata o seu peche en febreiro de 1972. Durante todos eses anos deixou pegada nos veciños de Barallobre e do resto de parroquias do concello de Fene, incluso das vilas veciñas, dende as que se desprazaba a xente para ver os filmes.
O edificio en si é unha obra excepcional. En contraste co seu sobrio aspecto exterior, o seu interior é abraiante. Non é unha sala de cine ao uso, realmente semella máis un teatro en miniatura, pois imita aos teatros á italiana coa súa planta en forma de ferradura, os seus palcos voados ou o seu escenario enmarcado por un arco de embocadura. Resulta curioso que moita da xente que visita o Adriano por primeira vez sinala que o cine lle resulta similar ao teatro Jofre, pero a unha escala reducida. Tamén chaman a atención os teitos, decorados con plafóns iguais aos do cine Avenida de Ferrol, co que está emparentado, pois foi o mesmo arquitecto, Vicente García-Lastra, quen levou a cabo ambos proxectos.
Con todo, os tempos cambiaron e os cines, grandes e pequenos, entraron en decadencia ata case desaparecer na súa totalidade. As causas foron varias: a aparición das modernas salas multicine ou a popularización da televisión foron quizais os máis decisivos. A sorte que correron as vellas salas de cine foi dispar. A miúdo, transformáronse para acoller outros usos, como grandes supermercados ou incluso discotecas. No peor dos casos, foron demolidas pola voracidade da especulación urbanística, como ocorreu co cine Capitol, o máis grande da comarca ferrolá, ou co emblemático cine Perla de Perlío. Tamén houbo outros que, simplemente, quedaron abandonados converténdose en testemuñas mudas dunha época que xa poucos recordan. Esta sorte foi a que correron o Rena e o Avenida en Ferrol ou Zárate en Mugardos.
O Adriano pertence a esta última categoría. En certo modo, é case un supervivente, xa que a diferencia do Rena ou Zárate, non sucumbiu á ruína e apenas mudou o seu aspecto nos seus 75 anos de vida. Aínda así, é evidente o deterioro sufrido polo paso do tempo e polas goteiras que, pouco a pouco, van apodrecendo e destruíndo o que queda do seu interior.
A desaparición dun cinematógrafo é sempre unha perda irreparable, non só polo seu valor arquitectónico ou patrimonial, se non tamén pola perda da memoria dunha sociedade para a que o cine foi un referente na súa mocidade. Con todo, con 75 anos recén cumpridos, o Adriano aínda pode ser útil para as xeracións presentes e futuras. O edificio supón unha excelente oportunidade para un equipamento público de usos culturais. As características da súa sala convérteno en idóneo para acoller conferencias, concertos ou representacións teatrais. Ademais, o resto dos seus espazos tamén son susceptibles de poder transformarse en aulas, obradoiros, locais de ensaio ou salas de gravación. Precisamente, hoxe en día o concello de Fene carece de instalacións adecuadas en tamaño e equipamento para este tipo de actividades, tal e como correspondería a unha poboación de case 13.000 habitantes, a terceira en tamaño de toda a comarca.
Outras vilas tomaron exemplo de que a recuperación deste tipo de edificios supón un valor engadido para seu patrimonio arquitectónico e cultural, como así ocorreu coa rehabilitación do cine Elma, na Pobra do Caramiñal, ou coa recuperación do Cinema París, de Muros, con vistas a ser un centro sociocultural.
Mentres tanto, o Adriano continúa á venta e segue á espera de que alguén o saque do esquecemento. Agardemos que nun futuro non moi lonxano, os fillos e netos dos que desfrutaron o cine na súa mocidade poidan desfrutalo tamén, volvendo a ser, unha vez máis, unha caixa de soños. Esperemos, tamén, non ter que ser testemuñas da súa desaparición, como xa ocorreu no seu día co cine Perla, do que aínda hoxe moitos feneses lamentamos a súa perda.
Debate sobre el post