Ferrol360 | Martes 1 agosto 2017 | 14:03
O alcalde de Narón, José Manuel Blanco, saíu ao paso das acusacións do portavoz do grupo municipal do PP de Narón, Marcos Balado, de «manipulación informativa» pola nota de prensa remitida polo gabinete do Concello sobre a moción da homenaxe ás vítimas do terrorismo.
Blanco lamenta que «unha persoa elixida por algúns veciños e veciñas de Narón para representalos no Concello recurra constante e conscientemente á mentira utilizando calquera tema, incluso a violencia terrorista».
O rexedor explica que «a moción está asinada polo tripartito naronés –TEGA, PSOE e BNG- e polo edil de EU (Grupo Mixto) e que no propio título, tal e como se pode constatar no expediente e nas actas, cita a Miguel Ángel Blanco».
Recalca Blanco nun comunicado de prensa que as alusións a Miguel Ángel Blanco sucédense no texto da moción, na que se condena firmemente «a violencia terrorista en todas as súas formas ao longo da historia». Na sesión plenaria do pasado xoves gardouse ademais un minuto de silencio «en lembranza e homenaxe a todas as vítimas do terrorismo», engade o alcalde naronés.
Ante as acusacións do portavoz do grupo municipal do PP, Blanco afirma que «semella que confunde continuamente o que a el lle gustaría que acontecese coa realidade».
Debate sobre el post