ARY LÓPEZ | Ortigueira | Domingo 14 xullo 2013 | 20:27
A derradeira noite do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira pechou un programa completo de actuacións multiculturais de primeira calidade.
No Escenario Estrella Galicia da Alameda ortegana, actuou en primeiro lugar a formación bretoa Bagad Glazik Kemper, conxunto integrado na célebre Bagad Kemper, que vén sendo unha tropa musical típica desta rexión francesa e que acolle instrumentos como a gaita escocesa, a bombarda e a percusión. No seo deste conxunto de elevada calidade musical, xorden músicos que interpretan e conservan as melodías tradicionais das rexións celtas. Arredor duns trinta rapaces e rapazas amosan a súa arte ofrecendo sobre o escenario o reflexo da disciplina, do traballo e da boa coordinación.
De seguido, puidemos viaxar ao universo imaxinario da man dos Crebinsky, unha banda que nos achega as melodías de Europa do Leste, a esencia do folc bielorruso e unhas pingas de ska na voz de Vadim Yukhnevich, que tamén manexa o acordeón. Este conxunto tan orixinal agrupa ademais contrabaixo, violín, guitarra e percusión acompañados do talentoso Enrique Otero aos teclados, director e produtor de ‘Os Crebinsky’, a película nai destes artistas. Algúns dos membros xa visitaran o festival no ano 2010 ofrecendo un pasarrúas para promocionar o filme rodado en terras do Ortegal. Este sábado, presentaron ao público pezas dos seus álbumes, ‘Banda Crebinsky’ e o recente ‘Jet Lag’. Ademais, os deuses do hip hop galego, Dios ke te Crew, axudáronlles a manter a auténtica revolución musical cunha gran posta en escea. Berrando, cantando e saltando, interpretaron algúns dos temas do seu último traballo ‘Dez’.
Da perfecta simetría xurdiu un grupo de mozos interpretando bailes tradicionais de Irlanda. Eran os Dominic Graham School of Irish Dance, bailaríns de claqué que defenderon o espectáculo «Reel Rhythm» diante dun público abraiado pola súa técnica e profesionalidade. Dezasete nenas e un neno acompañados dun conxunto musical formado por catro músicos amosaron esta disciplina artística baseada na complexidade das coreografías de ritmos lixeiros. O éxito do espectáculo manifestouse nas caras de satisfacción dos artistas e na ovación dos asistentes.

Cara á metade da noite, a gran familia escocesa, inglesa, irlandesa, e bretoa chamada Dán mesturaron a tradición e a modernidade ofrecendo unha inxección de puro optimismo. No directo deste sábado foron quen de trazar tres liñas musicais ben diferenciadas: unha parte tranquila, outra enérxica e a última más metafórica ou abstracta. Este proxecto acolle a integrantes das bandas Guidewires, Kan, -que tocaron na noite do venres no festival- e Breton Quartet, xunto á vocalista de doce voz Alyth McCormack.
Xa coa praza ben caldeada e ansiosa por escoitar ao grupo máis agardado desta 29 edición do Festival de Ortigueira, comezaron a soar as primeiras melodías dos bretóns Gwendal. Estreando guitarrista, puxeron enriba do escenario as normas que rexen a fusión perfecta entre o folc, o rock, o jazz e mesmo a música clásica. Durante a actuación, asistimos ao cortexo entre a frauta de Youenn Le Berre e o violín de Jean-Claude Philippe, que entrelazan as súas melodías dando lugar a unha cerimonia que acada altas doses de romanticismo musical. O público abrazou a esta banda creada en 1972 e considerada a esencia da música celta.

Por último, e ante os fanáticos das últimas melodías do Festival 2013, pecharon a noite os xaponeses Harmonica Creams, primeiro grupo estranxeiro gañador do Proxecto Runas do ano pasado en Ortigueira. A pesares da súa xuventude, estes catro músicos que fan soar a harmónica, o violín, a guitarra e o bodhran irlandés, amosan orixinalidade e gran talento cun blues moi cañeiro e sons exóticos ligados ao folc. Continuarán a súa xira por Galicia actuando no Festival de Pardiñas, en Guitiriz.
Debate sobre el post