FERROL360 | 25 agosto 2015 | 13:24
«Ah, pero hablas en gallego y no lo entiendo bien. Mejor reservo en otro coche, gracias». Esta é a mensaxe que recibiu o concelleiro do BNG en Cabanas, Iago Varela, logo de contestarlle en galego a unha rapaza que reservara unha praza no seu automóbil a través da plataforma BlaBlaCar.
Varela subiu este luns ao seu Twitter a captura de pantalla acompañada dun «xentiña» e desatou a indignación nas Redes Sociais en cuestión de horas. Mesmo a cantante Sés, dende o seu perfil persoal coma María Xosé Silvar, partillaba a foto e comentaba: «Pois nada… así estamos…».
El, que preferiu tomalo con humor, lembrou que aínda lle quedaban prazas na viaxe Vigo – Ourense e que saíulle ben a xogada, xa que a usuaria que rexeitouno por falar en galego tivo que pagar igualmente a metade da viaxe por cancelar con menos de 24 horas de antelación.
Cousas veredes.