Texto e foto: Lara de la Iglesia | Domingo 7 xullo | 19:51
Cada ano, no primeiro domingo de xullo, o mosteiro de Monfero volve a encherse de xente, a misa volta ao altar e a festa aos arredores do templo. É a romaría da Virxe da Cela.
Aínda que Monfero e un deses sitios da chamada «Galicia profunda» nos que algún di que non pasa nunca nada, a romaría da Cela recorda cada ano que o concello está vivo e activo.
A festa dos bisavós, dos tataravós e dos de antes tamén, é a festa dos de hoxe, dos que descenden daqueles que baixaban andando ou en carro ata o mosteiro, lucindo o mellor que puideran nun día especial. Hoxe a maioría chegan en coche, pero outros acampan dende o venres para desfrutar cada momento de cerca.
A fe pola virxe move a moitos, e a igrexa énchese de velas, de peticións e promesas. Tamén están presentes as figuriñas de cera, para pedir pola mellora dunha doenza nunha parte específica, por unha persoa ou por un animal.
E é que as historias sobre o mosteiro e a Virxe da Cela son varias. Conta a lenda que a virxe quitoulle o demo a unha rapaza no santuario e que a fonte da que mana a auga xunto ao mosteiro é milagreira.
Debate sobre el post