REBECA COLLADO | Ferrol | Sábado 17 decembro 2016 | 14:08
Apuntade no calendario que o vindeiro 23 de decembro chegará o Apalpador a Ferrol. Este ano o xigante carboeiro percorrerá os barrios de Esteiro e A Magdalena desde as 12:00 horas, para achegar esta tradición galega a máis xente. Precisamente, Bruno Lopes da Fundaçom Artábria explicou que o cambio de hora da ruada ten como obxectivo «que o Apalpador chegue a máis nenos».
Lopes e o concelleiro de Cultura e Festas, Suso Basterrechea, foron os encargados de presentar esta iniciativa e máis a quinta edición do concurso de debuxo escolar. o representante de Artábria explicou que unha veintena de persoas acompañarán ao Apalpador no seu percorrido pola cidade e que nestes días xa está a visitar os centros educativos da cidade que así o solicitaron.
Suso Basterrechea agredeceu a labor que a Fundaçom Artabria vén desenvolvendo nestes anos para «poñer en valor as tradicións e a riqueza cultural do país» e sobre esta figura «emblemática» dixo que pouco a pouco vaise recuperando grazas ao traballo da entidade.
Un traballo no que colabora o Concello desde o pasado ano e co que buscan «atopar un espazo para esta figura», afirmou o edil. Así, Basterrechea animou a toda a cidadanía a participar nestas ruada e para os máis peques editáronse 5.000 postais para remitan os seus desexos de Nadal ao Apalpador.
V concurso de debuxo escolar
Lopes tamén anunciou que o concurso escolar de debuxo Conhecendo O Apalpador, que chega á súa quinta edición, aínda ten aberto o prazo para poder participar. Está dirixido aos alumnos de todos os centros educativos da comarca en tres categorías en función da idade dos alumnos, de 3 a 5 anos, de 6 a 8 e de 9 a 12.
Para participar, deberán remitir os seus traballos por correo ordinario, ou presentalos en man na sede da Fundaçom en tamaño A4 antes do o 23 de decembro. Un xurado formado por dous membros da directiva de Artábria elixirá o traballo gañador en cada categoría e se anunciará o día 26 a través da páxina web da entidade. A entrega do galardón será o 30 de decembro no local de Batallóns.
Debate sobre el post