Lara de la Iglesia | Viernes 27 de septiembre de 2024 | 14:18
O Real Coro Toxos e Froles non para o seu ritmo. Tras o comezo do curso das súas escolas e a actuación do coro centenario na I Gala Párkinson onte no Jofre, levarán, este sábado ás 20:00, ao escenario do auditorio de Ferrol o Festival «Outras Músicas Tradicionais». As entradas, de balde, pódense conseguir la taquilla do teatro Jofre.
Con esta iniciativa, buscan encher o espazo baleiro da música tradicional e popular, algo que, dende o Real Coro sinalan, está «pouco presente na cidade». Esta segunda edición trae unha proposta que xirará en torno ao baile e o canto de Galicia, Zamora e Portugal.
A representación portuguesa chegará dende Vila do Conde, coa agrupación folclórica máis antiga do país luso: o Rancho da Praça. O seu repertorio teñen raíces nas festas de San Xoán, patrón da súa cidade, ademais de manter viva a tradición das rendas de birlos.
Esta agrupación actuou por primeira vez en Ferrol en 1935, iniciando unha relación co Toxos e Froles que levaría ao irmandamento de Ferrol e Vila do Conde en 1973. Como símbolo da relación entre ambos municipios, o Concello de Ferrol inaugurou o pasado 31 de agosto a praza que leva o nome de Rancho da Praça.
Dende Zamora chegará a Asociación Etnográfica Don Sancho, fundada en 1994 co obxectivo de recuperar e difundir o folclore zamorano. Esta agrupación conta con unha das mellores coleccións de vestiario de Castela e León, entre as que destacan pezas orixinais dos séculos XIX e XX.
A representación local dos organizadores, o Real Coro Toxos e Froles, virá da man do seu Grupo de Cantareiras Gradaílle. Esta sección da agrupación ferrolá naceu a principios dos anos 90, empezando como acompañamento da sección de baile. Coa ampliación do seu repertorio, incluíndo cantos que non eran bailados, converteuse nunha entidade propia e empeza a actuar de xeito independente.
O seu repertorio está composto por pezas recollidas por toda Galicia e das zonas limítrofes do país que comparten gran afinidade cultural coas tradicións galegas. O seu traballo busca ser o máis fiel posible ao que foi transmitido polas xeracións anteriores tanto en melodías, coma nos xiros, adornos e instrumentos que empregan. Actualmente, o grupo está dirixido por Maite López Fernández, cantareira de recoñecido prestixio que acompaña como adufeira a Xabier Díaz nos seus espectáculos.
O presidente do Real Coro Toxos e Froles, Arturo Lamas, anima a toda a xente a que se acheguen mañá ao auditorio para gozar do que, asegura, «vai ser un espectáculo fermoso».
Debate sobre el post