FERROL360 | Domingo 9 xuño 2019 | 14:01
O IES de Fene celebrará este martes, entre as 18:30 e as 20:30 horas a terceira convocatoria da I Xornada de Portas Abertas da FP orientada a persoas desempregadas, empresas, familias e público en xeral.
Os asistentes descubrirán cales son as posibilidades formativas que ofrece o centro en materia de Formación Profesional, así como as súas opcións de futuro.
O evento consiste en dar a coñecer os Ciclos formativos de grao medio impartidos no centro: Soldadura e caldeiraría, Electromecánica de vehículos automóbiles, Instalacións de produción de calor, Instalacións frigoríficas e de climatización e Mantemento electromecánico.
Os estudantes que rematen a formación nestes ciclos teñen altas posibilidades de entrar no mercado laboral xa que todos eles teñen unha moi boa taxa de inserción laboral. Incluso nalgúns casos a oferta supera con creces a demanda.
De feito, o número de alumnos titulados non chega para a cubrir a solicitude das empresas que precisan o dobre de estudantes. Así, é bastante común que o alumnado poida escoller en que compañía traballar ao rematar os seus estudos.
A Xornada iniciaráse cunha benvida seguida dunha breve exposición sobre algúns aspectos xerais pouco coñecidos dos Ciclos formativos, para a continuación visitar os talleres dos Ciclos, nos que se explicará aos visitantes tanto as tarefas habituais nestes talleres coma a experiencia na docencia dos mesmos.
Debate sobre el post