FERROL360 | Domingo 5 xuño 2016 | 19:11
Os alumnos das Escolas de Música e Baile Tradicional do Padroado da Cultura de Narón encheron este domingo de público o Pazo da Cultura na celebración do festival de fin de curso. Unhas 1.600 persoas presenciaron as actuacións, desenvolvidas en dous pases, un de alumnado infantil e outro de adultos.
Algo máis de 550 rapaces subiron ao escenario a partir das 16:30 horas para amosar aos seus familiares e amigos, que se atopaban entre os espectadores, o traballo realizado desde o pasado mes de outubro. Ao rematar, recibiron un diploma acreditativo da súa asistencia ás respectivas Escolas de Música e Baile Tradicional.
A vicepresidenta do Padroado da Cultura e edil da área, Marián Ferreiro, encargouse de dar os diplomas aos pequenos de 3 e 4 anos que acudiron á actividade de O Recuncho dos pequechos, no que foi a súa primeira incursión en moitos casos no mundo da música tradicional e que lles permitiu aprender a tocar algún pequeno instrumento.
Foi o pase do alumnado infantil o que abriu o festival e, sobre as 19:00 horas, darán comezo as actuacións dos adultos matriculados nas clases de gaita, percusión, canto e pandeireta, danza tradicional e zanfona.
Ao igual que nos últimos anos, as Escolas Culturais Municipais do Padroado da Cultura de Narón tiveron máis dun milleiro de alumnos e alumnas no último curso, segundo o Concello. Ferreiro destacou o gran respaldo que ano tras ano teñen as Escolas do Padroado da Cultura de Narón e apuntou que en resposta a esa boa acollida tamén se traballa por ampliar o número de propostas formativas, indicando como exemplo o feito de que no último curso se ofertasen por primeira vez clases de acordeón.
Debate sobre el post