ARY LÓPEZ | Ortigueira | Sábado 19 xullo 2014 | 15:46
O que comezou sendo un festival de paraugas pouco a pouco foi tornándose no espectáculo habitual que enche, unha vez ao ano, a explanada da Alameda ortegana con persoas amantes da música e do baile de calidade.
O venres, grupos coma Milladoiro e a Dominic Graham School of Iris dance brilaron coma estrelas na escura noite do festival. A benvida viu da man da Escola de gaitas de Ortigueira e o peche foi protagonizado polos escoceses Moxie e os gañadores do Proxecto Runas 2013, os vascos Ruaille Buaille.
«A culpa de que chova é de Boloña»
Esta afirmación foi fundamentada polo actor Carlos Blanco quen asume as funcións de presentador durante o intercambio dos grupos sobre o escenario nesta trinta edición do Festival Internacional do Mundo Celta. O humorista tratou de convencer ao público de que se a abundancia de precipitacións botaba abaixo esta cita tería moito que ver o recentemente implantado plan de estudos universitario de Boloña. Segundo Blanco, «a tradición sinalaba que Ortighueira marcaba o comezo do verán, pero aghora, por Boloña hai que retrasar o festival. Asi que a culpa de que chova é de Boloña».
Sen embargo, ésta -nun sinal de respecto-, deu unha tregua para escoitar a Milladoiro quen recoñeceu sentir «unha enorme satisfacción por estar nun festival de referencia internacional da música celta». O sexteto liderado por Nando Casal e Moncho García iniciou o concerto interpretando o Alalá das Mariñas, peza á que posteriormente lle seguiron A bruxa, Muiñeira do areal ou Tecendo liño.
O público entregado, devagar foi enchendo a explanada para arroupar a un grupo que medrou en paralelo a este evento ao que asistiu preto dunha decea de veces.
De seguido, co medio cento de membros da escola de danza irlandesa Dominic Graham fíxose realidade a irmandade entre Galicia e Irlanda. O colectivo voltou a vista á historia para recuperar do noso pasado a lenda de Breogán e fixéronnos lembrar que, nalgún tempo, os galegos e irlandeses fomos, en maior ou menor medida, irmáns. Para celebrar estes lazos de sangue, o conxunto irlandés compuxo a peza Back to Breogán, amosando o agrado por volver novamente a Ortigueira. Unha vez máis, o seu espectáculo baseado nunha técnica que practica unhas vistosas acrobacias coas pernas e os pés mantendo a parte superior do tronco practicamente ríxida, volveu a engaiolar ao público asistente. Agradecidos coas ovacións despediron o espectáculo agardando voltar en próximas edicións, porque tal como aseguraron: «aquí en Galicia nos sentimos en casa».
Debate sobre el post